O BOE autoriza a volta á actividade dos pequenos negocios e un tímido arranque da hostalaría con rigorosas medidas preventivas

0

O BOE publicou este domingo cinco ordes do Ministerio de Sanidade relativas á mobilidade e ao inicio de distintas actividades durante a Fase 0 de volta á nova normalidade. Repasamos o máis importante, que se refire á apertura do comercio minorista e outros servizos e tamén á apertura da restauración para recollida no propio local. O Boletín Oficial do Estado sinala, ademais, que desde este luns 4 de maio é obrigatorio o uso de máscaras no transporte público e autorízase un maior número de pasaxeiros no transporte privado sempre que leven algún tipo de cubrebocas.

A medida de maior calado é a da autorización de apertura de todos os establecementos e locais comerciais minoristas, ademais de aqueles onde se ofrezan servizos profesionais cuxa actividade estivese suspendida desde o pasado 14 de marzo. Iso si, hai varias accións preventivas que se deberán manter ao longo da semana -se todo vai ben o cambio á Fase 1 produciríase o luns 11- e incluso no resto de etapas da desescalada. Repasamos as máis importantes, aínda que parte delas teñan unha escasa incidencia no caso de San Sadurniño:

  • Polo momento non poden abrir os locais maioresde 400 metros cadrados nin tampouco os centros comerciais.
  • Calquera establecemento ou servizo atenderá sempre con cita previa e a un único cliente ou clienta por cada persoa traballadora. Non pode haber zonas de espera no interior do local.
  • Sempre se han manter 2 metros de separación e, se non é posible, terán que contar con mostradores ou mamparas.
  • Deberán ofrecer un horario preferente para maiores de 65 anos cadrando cos momentos en que poidan saír pasear ou facer actividade física.
  • Están permitidos os desprazamentos para ir a eses establecementos, aínda que só poderemos facelo dentro do noso concello a menos que en San Sadurniño non haxa oferta do servizo ou produto que precisemos.
  • Nos establecementos han de adoptarse medidas reforzadas de limpeza e desinfección e o persoal debe contar con medios de protección e de prevención de posibles contaxios. Tamén se deberán hixienizar probadores e prendas.
  • Non poderá incorporarse ao seu posto aquel persoal con síntomas da COVID-19 ou que deba permanecer en corentena.

 

Hostalaría e restaurantes
Os bares seguen pechados até a Fase 1 que empezaría a semana que vén e, cando abran, só poderán atender na terraza sen sobrepasar o 50% de ocupación. Aos restaurantes -que xa podían servir comida a domicilio- agora permíteselles abrir para que calquera poida recoller alí os pratos. Iso si, baixo estrictas medidas preventivas e de hixiene. Son as seguintes:

  • Sempre con cita previa en liña ou por teléfono.
  • O establecemento indicará a hora da recollida, que se fará nun punto que deberá estar ben indicado.
  • Á entrada terá que haber dispoñible xel para as mans e á saída papeleiras pechadas que se poidan accionar sen tocarlle á tapa.
  • Deberase garantir a distancia de seguridade de 2 metros e, se non é posible, ter mamparas. Só poderá atenderse unha persoa por traballador/a e os locais só poderán abrir nos horarios de entrega.
  • Se só hai un traballador/a de atención, non poderá haber no interior do local máis de un cliente ou clienta (ou dúas persoas se se vai acompañando a alguén dependente). Se hai máis persoas atendendo, terán que estar ben indicada no chan ou por outros medios unha referencia visual para que a clientela manteña a separación.
  •  Ao igual que nas tendas, a clientela non poderá utilizar os aseos.
  • Non poderá incorporarse ao seu posto aquel persoal con síntomas da COVID-19 ou que deba permanecer en corentena.

Uso de máscaras obrigatorio no transporte público
Alén destas medidas principais, o BOE tamén se referiu ao arranque dos adestramentos no deporte profesional e á autorización de obras construtivas en vivendas, que deberán efectuarse en espazos non habitados e permitíndose unicamente un acceso puntual a estancias que estean sendo utilizadas para conectar subministros necesarios para a obra.

Por outra banda, o Ministerio de Sanidade tamén incorporou a obriga de usar máscaras no transporte público: autobús, ferrocarril, aéreo e marítimo, aínda que de cara á veciñanza se cadra o cambio máis importante veña dado polo feito de que, usando mascarilla, nos vehículos particulares poderán viaxar máis persoas.

  • No transporte público poderán desprazarse ata dúas persoas por cada fila de asentos, igualmente han de ir o máis separadas posible e non se poderá ocupar máis da metade das prazas sentadas. Nas plataformas para ir de pé, mínimo 1 metro cadrado por persoa.
  • En estacións e paradas do transporte público deberá reforzarse a información sobre hixiene e prevención de contaxios. As administracións competentes poderán establecer horarios para reducir a intensidade da demanda en horas punta.
  • As máscaras tamén serán obrigatorias en taxis e vehículos particulares cando vaia máis dunha persoa ademais de quen conduza.
  • No transporte privado particular, en vehículos de ata 9 prazas, poderán ir dúas persoas por cada fila de asentos sempre que leven máscara e respecten a máxima separación posible.
  • En camións, furgóns, camionetas, etc., cunha única fila de asentos: máximo dúas persoas sempre que leven máscara, en caso contrario só poderá ir o condutor.

O Estado fará un reparto de mascarillas na nosa zona tanto este luns como o martes. Entregaránselle a través da Garda Civil a taxistas, a persoas que agarden polo bus e tamén ás que collan o tren en Silvalonga.

Enlace ao Boletín Oficial do Estado do 3/05/2020
Resume das principais medidas elaborado polo Técnico de Desenvolvemento Local
Guía con preguntas e respostas publicada polo Estado sobre as fases da desescalada

Share.