Alumnado do CFEA de Guísamo interésase polos proxectos municipais sobre agricultura e paisaxismo

0

Un grupo de sete alumnas e alumnos do Ciclo de Grao superior de Paisaxismo e Medio Rural do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo visitou esta mañá San Sadurniño para coñecer de preto as iniciativas que está desenvolvendo o Concello en relación co sector primairo e dos espazos verdes. Neste sentido, o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e o novo presidente da AGFA do Eume, Ignacio Bellas, mostráronlles a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos e máis o arboreto galego da Cortiña e da Fraga Máxica, como exemplos principais e novidosos de promocionar o medio rural no ámbito produtivo, do lecer e do turismo.

No transcurso do percorrido pola horta de froiteiras, o grupo de estudantes interesouse polas distintas variedades da colección e pola maneira en que a AGFA e o Concello de San Sadurniño están promovendo a súa reintrodución nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. E é que ademais un espazo para a preservación de castes autóctonas e tradicionais, a horta da Cortiña tamén é un banco de material xenético dispoñible para enxertos e para a multiplicación de pés cuxas principais características son a de estar perfectamente adaptados á zona e  a de ter un grande potencial para o consumo en fresco ou como base de produtos transformados.

Tal e como se explicou na visita, a AGFA leva tempo investigando as mellores castes de mazá para a elaboración de zumes, así como aquelas variedades doutros froitos con boas aptitudes para marmeladas. Un proceso que agora se está desenvolvendo nas instalacións do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla -compartido por San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño- onde tamén se está traballando con conservas de horta.

Ademais de percorrer a horta de conservación Carlos Fornos e de falar sobre o proxecto que se está poñendo en marcha na Fusquenlla, o alumnado do CFEA de Guísamo tamén se achegou ao arboreto galego da Cortiña, onde se reproducen a escala a práctica totalidade das tipoloxías de bosque autóctono de Galicia.

O arboreto foi hai quince anos unha iniciativa ambiental e paisaxística pioneira que hoxe, con árbores de certa porte, ofrece un excepcional recuncho para o descanso e para a organización de eventos ao aire libre, como por exemplo a Feira da Plantación que se celebrará o domingo 30. Trátase dun espazo xa de por si atractivo ao que, ademais, se lle engadiu hai relativamente pouco a chamada “Fraga Máxica”, composta por figuras de animais, duendes e outros seres fantásticos que son todo un imán para ducias de familias con nenos e nenas pequenas, sobre todo en tardes solleiras e nas fins de semana.

Segundo comentou o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, o grupo de alumnas e alumnos de Guísamo “quedou abraiado coa Fraga Máxica por como está deseñada e por ser unha maneira moi novidosa fomentar o desfrute dun espazo de alto valor ambiental”. Varela avanzoulles tamén que a zona da Cortiña e do paseo fluvial do Xubia vai ser obxecto dunha intervención “que acentuará ese valor e a sostenibilidade” financiada polos fondos da Transición Xusta, cun investimento de 493.000 euros.

Apostando polo sector primario
Manolo Varela tamén mencionou como balance da visita “o grande interese” dos e das estudantes pola horta de conservación e polas actividades que se desenvolven no centro A Fusquenlla, relacionadas coa formación e a busca, a través da transformación,  “dun maior valor engadido para os nosos produtos”.

Ao respecto da dinamización do rural, Manolo Varela lembrou que este venres e sábado van ter lugar na Casa da Xuventude as dúas primeiras charlas do ciclo Apostando polo sector primario, organizado coa colaboración da AGFA do Eume, da Casa do Mel e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña co obxectivo de mostrar experiencias que se están levando a cabo noutros puntos de Galicia e do Estado.

Así, a primeira sesión –o venres ás 19:00h– achegaranos a Carabuñas, unha pequena empresa do concello ourensán de Vilar de Santos que centra toda a súa actividade nas flores e nos froitos do sabugueiro. Un arbusto esquecido ao que Eva e Nelson -a parella que ideou o proxecto- lle están dando novo valor elaborando todo tipo de produtos: marmelada ecolóxica, licor, cervexas, bombóns, infusións e outras moitas especialidades, comercializadas a través da súa propia web e de tendas gourmet.

O sábado ás 11:00h a segunda das sesións de Apostando polo sector primario traeranos o traballo que están levando a cabo as persoas agrupadas na Cooperativa Ribeira do Navia compartindo o selo Ribeiregas. Por unha banda producen alimentos ecolóxicos -zumes naturais, marmeladas, horta en fresco e transformada, fariñas e pan, chucrut, falafel, mel, etc.- e, por outro, desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento do territorio fomentando a bioconstrución e unha xestión forestal sostible.

A participación en Apostando polo sector primario (que ofrecerá dúas novas charlas os días 5 e 6 de maio) é gratuíta e non require inscrición previa.

 

Share.