San Sadurniño recibirá máis de 493.000 euros para actuacións na Cortiña, no paseo fluvial e nos xardíns do pazo

0

É a noticia do día. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico notificou onte á noite a proposta de resolución provisional do reparto das axudas do Convenio da Transición Xusta das Pontes, dirixidas ao financiamento de proxectos promovidos polos 11 municipios afectados polo peche da térmica de Endesa. San Sadurniño concorreu á convocatoria cunha actuación de posta en valor integral do paseo fluvial do Xubia, da zona da Cortiña -tanto o arboreto como a horta de froiteiras- e dos xardíns municipais, neste último caso dotándoo de máis equipamentos lúdicos e arborado. A achega confirmada polo Instituto da Transición Ecolóxica -dependente do ministerio- cubrirá a totalidade do investimento, cifrado en 493.280,97 euros. Para o Executivo local a concesión da axuda cualifícase como “unha fantástica nova” que permitirá “reforzar o potencial lúdico e ambiental” de todos os espazos verdes sobre os que se vai intervir.

O título completo do proxecto presentado ás axudas do Convenio de Transición Xusta das Pontes é “Mellora paisaxística nas instalacións municipais da Cortiña e o Pazo da Marquesa”. Unha denominación xenérica que prevé actuacións en catro zonas: a leira da Cortiña e a horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos”,  o Arboreto, o paseo fluvial do Xubia e a contorna da Casa do Concello e os seus xardíns.

Seguindo as bases  da convocatoria, o proxecto ten unha alta compoñente ambiental e de posta en valor dos espazos verdes tendo en conta, ademais, a eficiencia enerxética e novos usos que escapan dos habituais. Neste sentido, no ámbito da Cortiña e da horta de conservación vai facerse un aparcamento de algo máis de 1.000 m² a continuación da área de servizos para autocaravanas -algo que solicitaron varias viaxeiras e viaxeiros usuarios-, onde tamén se instalará un punto para a limpeza e mantemento básico de bicicletas. Esta nova superficie -próxima aos 1.400 metros- contará con arborado e bancos e será ao mesmo tempo zona de tránsito cara a un recinto pechado que se dedicará a horta de formación, pensando na capacitación en materia de cultivos de todo tipo e en actividades asociadas co centro supramunicipal de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.

Xa dentro do espazo da horta de conservación, o proxecto contempla a instalación dun colector de transporte marítimo reacondicionado como almacén refrixerado de froita e a construción dunha caseta de “apiterapia” -quizais unha das innovacións máis rechamantes- na que poder relaxarse  escoitando o zoar das abellas e ulindo o aroma que desprenden as colmeas, que estarán debidamente separadas por unha malla de seguridade.

A renovación da horta complétase coa substitución dos peches e a mellora dos accesos á finca, xunto coa instalación dun sistema solar fotovoltaico de 10kW de potencia pico (25 paneis) que alimenten as instalacións e tamén a nova rede de iluminación pública do paseo fluvial, que irá desde o Mesón A Granxa até a Ponte de Cornide.

Ao paseo tamén se lle repararán os tramos en mal estado, reforzaránselle as ribeiras para evitar a erosión da auga e aproveitarase para o arranxo integral da pasarela de madeira da marxe sur. En relación coa mellora da accesibilidade, o proxecto recolle un novo paso peonil de madeira sobre o río preto de onde hoxe se encontra a figura do Camiñante e a construción dunha escaleira no extremo leste do sendeiro que permita a entrada ou saída desde a DP-7601 (a estrada de Ferreira).

Sen saír do grande espazo da Cortiña e do paseo fluvial tamén hai previstas actuacións na zona do arboreto de especies autóctonas. Alí ampliarase o contido da Fraga Máxica -un dos grandes atractivos de San Sadurniño para as familias de toda a comarca-, renovaranse os carreiros interiores con saburra compactada de menor grosor que a actual e incluso se dedicará un dos campos á creación dun “bosque comestible” (outra das propostas innovadoras) onde se plantarán árbores, arbustos e plantas que dean froitos variados.

Intervencións na contorna do Concello
O proxecto presentado ás axudas do Convenio da Transición Xusta das Pontes incorpora, por último, actuacións nas inmediacións da Casa do Concello e os xardíns municipais. As máis relevantes son a construción dun novo parque infantil con máis xogos na parte baixa dos xardíns, a plantación de máis especies no espazo dispoñible á sombra das palmeiras, a instalación de sebes vexetais no borde dos sendeiros interiores, a restauración do hórreo e a reparación do enreixado metálico –incluído o pintado de columnas e muretes- que separa a sede consistorial da AC-862.

Tamén vai recollida no plan de obra a impermeabilización do estanque inferior e dotar de mobiliario urbano a parte dianteira da EIM A Rolada e do Centro Municipal de Empresas.

O orzamento total de todas estas intervencións de mellora paisaxística ascende a 493.280,97 euros, financiados integramente con fondos Next Generation canalizados a través das axudas á descarbonización da comarca das Pontes.

Para o alcalde, Secundino García, a concesión da subvención foi “unha fantástica nova” que, segundo asegurou, “nos permitirá reforzar o potencial lúdico e ambiental de todos estes espazos, empregados diariamente por moitos veciños e veciñas e tamén por visitantes que se achegan coñecer San Sadurniño”.

O alcalde destacou, ademais, a “importancia económica” da achega e o feito de que “vaia cubrir a totalidade dos custes, sen que o Concello deba recorrer a fondos propios”. García tamén se mostrou satisfeito por “ter a oportunidade de facer dunha soa vez varios proxectos nos que levabamos traballando anos e que agora van ser realidade”.

Share.