AGADER sacará a finais de mes unha liña de axudas para a modernización de negocios no rural

0

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) avanzoulle hai escasos días ao Concello que o próximo día 30 de xaneiro publicarase no DOG a convocatoria de axudas dirixidas á ampliación e modernización de todo tipo de pequenas empresas situadas en zonas rurais que desenvolvan actividades non agrarias, con cargo ao PDR Galicia 2014-2020. Trátase dunha liña orientada á merca de maquinaria e equipamento novo que permita ampliar, mellorar ou diversificar os procesos produtivos. A achega pode ser de ata o 45% do orzamento aceptado. En espera de que as axudas saian no DOG, pode irse preparando todo o necesario tomando como referencia a convocatoria de 2021 (ollo, esta é a do ano pasado). Tamén se pode solicitar máis información no correo infoagader@xunta.gal ou nos teléfonos 981 547 369, 981 542 690 ou 981 547 382.

Destas axudas poderán beneficiarse as pequenas empresas, as persoas autónomas e as persoas titulares dunha explotación agraria ou membro da súa unidade familiar, aínda que neste último caso non se financiarán equipamentos para a actividade agrogandeira propiamente dita, senón os destinados á diversificación da explotación con actividades non agrarias.

Márcase como requisito que estean fóra de Zonas Rurais Densamente poboadas como son os ámbitos das grandes cidades e vilas e a súa contorna inmediata. No DOG virá o listado de lugares excluídos, pero xa adiantamos que todo San Sadurniño poderá solicitar as axudas e, de feito, o noso territorio é un dos que conta de partida con puntuacións máis elevadas por mor da súa evolución demográfica negativa e por estar incluído en zona de montaña, entre outros factores.

Outro requisito importante é que as empresas/actividades deberán estar en marcha desde antes do 1 de setembro de 2022 e que os investimentos non poderán estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Ademais o seu orzamento deberá estar comprendido entre un mínimo de 10.000 e un máximo de 220.000 euros. Se se trata dun investimento para unha actividade relacionada coa artesanía, o importe proposto terá que situarse entre os 5.000 e os 100.000 euros.

De acordo cos baremos definidos na orde de próxima publicación -que serán os mesmos que o ano pasado- poderase obter como subvención ata un 45% do orzamento aceptado. Non se subvencionarán materiais funxibles, envases e embalaxes; tampouco a reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria -salvo que sexa distinta da anterior por tecnoloxía ou eficiencia ambiental-, nin os equipamentos de calefacción, climatización e ventilación, agás que se trate de actividades empresariais en aldeas modelo. Á liña tampouco poderán acollerse traídas e acometidas de servizos, maquinaria e equipamentos de segunda man ou destinados ao alugamento, equipamentos informáticos e programas ou páxinas web, a compra de vehículos de transporte exterior… etc.

O prazo de presentación será de 1 mes contado a partir do día seguinte á data de publicación. Polo tanto haberá que prestarlle atención ao DOG -a AGADER asegura que será o do 30 de xaneiro- para non deixar pasar a oportunidade. A axencia de desenvolvemento tamén pon a disposición das persoas que queiran ampliar información o correo infoagader@xunta.gal ou nos teléfonos 981 547 369, 981 542 690 ou 981 547 382.

Share.