Abel Vega reivindica o que temos máis preto en “A Pena dos Tres pés”

0
Se atendemos á definición de “cine” que fan os dicionarios quedamos cun concepto ben simple: cine é todo aquilo que consista en rexistrar imaxes en movemento para despois proxectalas. Quen cumpra con esta definición estará facendo cine, teña ou non coñecementos técnicos, dispoña ou non de medios e fágao ou non para grandes audiencias. O importante é querer contar e facer por contar. Iso mesmo é o que fai Abel Vega, un veciño de Igrexafeita de 57 anos que participou na última edición do Chanfaina Lab coa peza “A Pena dos Tres pés”. Trátase dun documento a medio camiño entre o social e o documental. No primeiro caso porque o seu artífice é unha persoa que decidiu empregar o seu tempo de lecer en experimentar co audiovisual tras participar nos obradoiros de alfabetización dixital da Aula CeMIT e, no segundo, porque Abel se centra en describir o seu contorno inmediato cunha ollada pura, libre de prexuízos e de corsés estilísticos.

“A Pena dos Tres pés” é unha formación rochosa que se atopa preto do Castro, en Igrexafeita. Unha zona do Forgoselo con abondosos vestixios neolíticos e anteriores á romanización de Galicia. A estrutura desta pena obedece seguramente ao traballo da erosión durante milenios. É un conxunto granítico caracterizado por un grande penedo pousado sobre tres pés do mesmo material que nos lembran a imaxe dunha pelota de tenis sostida sobre a punta dos dedos.

Realmente non fai falla que imaxinemos nada, abonda con mirar a peza de Abel Vega para facerse unha idea mentres el nos vai describindo os elementos que compoñen este capricho natural ao redor do que naceron numerosas lendas e que, case con toda seguridade, tivo algún cometido cerimonial no pasado.

Movido pola curiosidade, o autor quixo achegarse á pedra da que sempre oira falar pero á que nunca se achegara. Cóntao en Fálame de San Sadurniño: “Fun alí e gustoume moito. Como eu tento facer os meus vídeos sobre lugares pouco coñecidos, pensei que sería boa cousa dala a coñecer aos veciños e animalos para que suban a visitala, porque é moi doado o acceso, -mesmo pódese ir en zapatillas- . Tentei transmitir a beleza dalgo que estaba aí antes de que naceramos, dende o principio dos tempos, e que é un monumento natural fora do normal. Da gusto vela e leva con nós, en Igrexafeita, toda a vida”.

O resultado desa viaxe é un vídeo sinxelo no que tanta importancia ten o que se ve como o que conta Abel en primeira persoa mentres grava. E é que Abel -albanel retirado prematuramente- é o exemplo máis claro do ánimo por superar iso que se chama “fenda dixital”, que hoxe ten máis que ver coa actitude que coa tecnoloxía. El participou nos obradoiros da Rede CeMIT para aprender a manexar o ordenador, despois converteuse nun dos membros máis activos de Fálame de San Sadurniño coas súas fotografías e faladas e, finalmente, deu o salto ao vídeo mostrándonos muíños e outros elementos da paisaxe.

“A Pena dos Tres pés” é a súa achega máis recente ao proxecto colaborativo e, ademais, unha das contribucións máis transparentes e puras ao Chanfaina Lab, onde Abel se integrou como autor pero tamén como parte fundamental da produción e do apoio loxístico a outros creadores e creadoras.

Share.