A Xunta volve expoñer ao público o proxecto de modificación do parque eólico Novo

0

O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio de información pública e alegacións ao proxecto que prevé modificar o Parque Eólico Novo (Naturgy Renovables), situado na actualidade nos concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño.  O que se publica é a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública -e a necesidade de urxente ocupación dos terreos-, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. É dicir, o mesmo que xa se publicou a finais de agosto pasado salvo por unha diferenza: agora o prazo de exposición será de 30 días e non os 15 que deu daquela a Xunta para que as persoas e concellos afectados puidesen estudar a documentación e presentar alegacións. A volta á casiña de saída por parte da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación obedece a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou a repotenciación do parque eólico G3 Corme, na zona do Roncudo (Ponteceso), por considerar que a exposición da avaliación ambiental nunca pode ser inferior a 30 días, tal e como establece a normativa europea. Así as cousas, o departamento que dirixe Francisco Conde opta por recoller fío volvendo someter a información pública tamén o proxecto do P.E. Novo, dando de prazo ata o 2 de maio para alegar.  A información está dispoñible nesta ligazón.

Neste caso trátase da variación dun proxecto existente incluído nunha área de desenvolvemento eólico do Plan Eólico de Galicia e cunha potencia instalada inferior aos 50 MW, razón pola que a súa tramitación é de competencia exclusivamente autonómica e razón tamén pola que a Xunta informou favorablemente o proxecto, ademais de promover que a exposición pública fose o máis rápida posible.

O que pretende Naturgy é retirar os 25 aeorxeradores actuais e substituílos por 6 de maior potencia -catro veces máis que os actuais- e altura -ata 200 metros- que tamén cambiarían de ubicación, concentrándose todos en territorio de Valdoviño.

O parque reduciría a superficie da súa poligonal e manteríase nos 18,75 MW de potencia instalada, coa diferenza de que os novos muíños serían capaces de chegar, segundo as estimacións, a unha produción neta superior aos 50GWh/ano. A información técnica describe, ademais, a restauración dos emprazamentos dos muíños que se desmantelen e das pistas que queden inutilizadas trala reconfiguración do parque.

San Sadurniño veríase afectado en canto a obras polo cambio das liñas soterradas que enlazan o parque coa subestación do Camiño Arriba, de aí que no anuncio da relación de bens e dereitos se mencionen afeccións por servidumes de paso. Dito doutro xeito, o que Naturgy quere facer é desenterrar as liñas existentes, cambialas por outras novas -xunto con cableado de fibra óptica para o control do parque- e volver tapar as gabias.

Canda o anuncio de información pública tamén se publicou o anexo coa relación de bens e dereitos afectados pola reubicación dos muíños e outras infraestruturas, ademais de polas servidumes de paso e ocupacións temporais das obras.

Son un total de 453 parcelas, 17 delas en Narón, 50 en San Sadurniño -polas que pasan os cabos soterrados- e 386 en Valdoviño. Neste último municipio será onde máis repercuta a modificación do parque, que podería traer aparellados cambios substanciais en canto aos posibles aproveitamentos da terra nas zonas máis próximas aos muíños, sobre todo os forestais. Cómpre ter en conta, ademais, que dous dos aeroxeradores proxectados -recordemos, de 200 metros de altura- situaríanse a pouco máis de 400 metros de zonas habitadas.

Un proxecto con tramitación acelerada
O Consello da Xunta de Galicia acordou en xuño do ano pasado declarar este proxecto como “iniciativa empresarial prioritaria”, que lle permita a Naturgy compensar con enerxía eólica o peche da térmica de Meirama. Algo máis dun mes despois, o 27 de xullo, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu “a tramitación de urxencia” deste proxecto, de maneira que -tal e como recoñeceu a propia Xunta- “se reducen á metade os prazos establecidos para o procedemento ordinario”, incluída a exposición pública da avaliación ambiental durante tan só 15 días hábiles.

O Goberno Galego xa seguira o mesmo procedemento autorizando en 2019 a modificación do Parque Eólico G3 Corme, en Ponteceso, nese caso promovido por EDP.  Porén, a repotenciación do parque bateu cun recurso Contencioso-Administrativo presentado poucos meses despois por un propietario de terreos afectados. O recurso acabou chegando ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, en xaneiro deste mesmo 2022, e coas obras xa rematadas, o alto tribunal fallou a anulación da autorización autonómica, considerando entre outras cuestións que, de acordo coa normativa europa, a exposición pública da avaliación ambiental non podía ser inferior a 30 días.

A sentenza supuxo unha treboada política e un serio revés para a Xunta que viña sumarse a outros anteriores, como a anulación das autorizacións do parque da Serra do Oribio (na zona Ancares-Courel) ou o de Sasdónigas, entre Abadín e Mondoñedo, nese caso ratificada xa polo Tribunal Supremo.

Con eses antecedentes, a Cosellaría de Economía, Empresa e Innovación recúa naqueles procedementos nos que aínda está a tempo, e de aí que optase por reiniciar a exposición pública da modificación do Parque Eólico Novo, neste caso durante 30 días en vez dos quince que deu a finais do verán pasado.

As alegacións ou observacións que estimen oportunas deberán dirixirse á sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, (rúa Vicente Ferrer, núm. 2-2º andar, 15071 A Coruña), rexistrándoas por vía electrónica ou por calquera das vías recollidas na normativa que regula a relación da cidadanía coa administración. O prazo finaliza o próximo 2 de maio.

Share.