A prensa publica a relación de bens afectados polo proxecto de modificación do parque eólico Novo

0

Hai uns días xa falamos dos plans de Naturgy para modificar o parque eólico Novo, que se estende polos concellos de San Sadurniño, Narón e Valdoviño. Hoxe La Voz de Galicia publica un “Especial Energías” no que, ademais de mencionar o “gran potencial” eólico da comarca e a “contribución” que supón o canon eólico para os municipios, tamén mete varias páxinas de publicidade institucional (da Xunta) coa relación de bens e dereitos afectados por este proxecto e polo de repotenciación do parque eólico das Somozas, en ambos casos de tramitación autonómica. É de supoñer que toda documentación técnica e administrativa para que as persoas interesadas poidan alegar sexa accesible no intre en que se faga a publicación oficial no DOG, seguramente mañá ou ao longo desta semana. Desde a última publicación do acordo de información pública, as persoas afectadas terán 15 días para presentar os seus escritos de alegación, dirixidos á sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación -R/ Vicente Ferrer nº2 – 2º, 15071, A Coruña-. 

Case toda a información relativa ao proxecto de modificación do Parque Eólico Novo foille adiantada pola Xunta ao Concello hai uns días, xunto coas ligazóns de descarga de practicamente todos os documentos, agás o do anuncio de información pública que hoxe pode verse no especial de La Voz e que, con toda seguridade, tamén sairá no DOG  e no BOP nestes días. O prazo de alegación empezará a contar desde o día seguinte á última publicación en calquera deses dous diarios oficiais.

Os documentos son os que poden descargarse ao pé desta nova e nos que se reflicten todos os aspectos dun proxecto consistente en retirar os 25 aeorxeradores actuais e substituílos por 6 de maior potencia -catro veces máis que os actuais- e altura -ata 200 metros- que tamén cambiarían de ubicación, concentrándose todos en territorio de Valdoviño.

O parque reduciría a superficie da súa poligonal e manteríase nos 18,75 MW de potencia instalada, coa diferenza de que os novos muíños serían capaces de chegar, segundo as estimacións, a unha produción neta superior aos 50GWh/ano. A información técnica describe, ademais, a restauración dos emprazamentos dos muíños que se desmantelen e das pistas que queden inutilizadas trala reconfiguración do parque.

San Sadurniño veríase afectado en canto a obras polo cambio das liñas soterradas que enlazan o parque coa subestación do Camiño Arriba, de aí que no anuncio da relación de bens e dereitos se mencionen afeccións por servidumes de paso. Dito doutro xeito, o que Naturgy quere facer é desenterrar as liñas existentes, cambialas por outras novas -xunto con cableado de fibra óptica para o control do parque- e volver tapar as gabias.

A falta de analizar con máis detalle a documentación, todo apunta a que as liñas seguirán o trazado actual. Na subestación, ademais, tamén se cambiaría a maquinaria eléctrica e na documentación sinálase que tamén se verían afectadas polo “radio de acción” das instalacións as parcelas lindeiras.

En verde, novas posicións dos aeroxeradores do P.E. "Novo". Ao fondo, en cor amarela, parte do P.E. "Badulaque" que a Xunta acaba de informar desfavorablemente. Picando na imaxe pode verse a maior tamaño.

En verde, novas posicións dos aeroxeradores do P.E. “Novo”. Ao fondo, en cor amarela, parte do P.E. “Badulaque” que a Xunta acaba de informar desfavorablemente. Picando na imaxe pode verse a maior tamaño.

Un proxecto con tramitación acelerada
O Consello da Xunta de Galicia acordou o pasado 17 de xuño declarar este proxecto como “iniciativa empresarial prioritaria”, que lle permita a Naturgy compensar con enerxía eólica o peche da térmica de Meirama. Algo máis dun mes despois, o 27 de xullo, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu “a tramitación de urxencia” deste proxecto, de maneira que -tal e como recoñece a propia Xunta- “se reducen á metade os prazos establecidos para o procedemento ordinario”, salvo os relativos “á presentación de solicitudes e recursos”.

A documentación pode consultarse descargándoa da internet picando nas ligazóns facilitadas pola Xunta. Tamén se pode acceder a ela presencialmente solicitando cita previa na sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación en horario de 9 a 14:00h. -R/ Vicente Ferrer nº2 – 2º, 15071, A Coruña-, a través dos teléfonos 981 184 983 e 981 184 923 ou do correo electrónico seccion.enerxia.coruna@xunta.es. Nos concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño tamén se dispón de copias dixitais dos documentos para consulta pública, que son os que se relacionan a continuación:

Acordo de información pública (17/08/2021)
Publicación Información Pública na plataforma web da Xunta (activarase no momento en que saia no DOG)

Proxecto de execución
Plano xeral do parque eólico
Planos individuais dos predios afectados
Estudo de Impacto Ambiental
Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (outubro 2020)

Share.