A DXT fálalles aos papás e mamás sobre a seguridade infantil no coche

0

Todos os nenos e nenas que viaxen en coche deben ir sempre na súa cadeira de protección. Ese é o principal consello que a Garda Civil lle deu onte ás familias participantes no programa municipal “Espazos das Familias”, ao que asisten nais e pais acompañados das súas crianzas. A sesión impartida por un equipo formativo deste corpo de seguridade abordou todo o que cómpre coñecer sobre os sistemas de retención infantil, pero tamén facilitou algunhas recomendacións sobre seguridade viaria.

A primeira das regras de ouro no transporte de nenos e nenas a bordo de vehículos é que se deben utilizar sempre os sistemas de retención, desde o embarazo, desde a primeira viaxe en coche á saída do hospital e ata que a criatura mida polo menos 135 centímetros, aínda que é aconsellable que ata o metro e medio de altura se empregue unha cadeira homologada con respaldo antes de pasar unicamente ao uso do cinto de seguridade.

Outra recomendación é colocar a cadeira o maior tempo posible no sentido contrario á marcha do vehículo, posto que se evitan os perigosos lategazos cervicais que adoitan ocorrer nun impacto. En calquera caso, sempre hai que utilizar o sistema de retención infantil axeitado á altura e o peso do neno ou nena e asegurarse de que a cadeira está ben fixada ao vehículo, tanto co cinto de seguridade como cos sistemas iso-fix que incorporan os modelos máis recentes.

Desde a DXT tamén se recomenda vixiar os traxectos cortos, posto que é onde se producen un maior número de accidentes e onde se detectan máis erros de colocación. Por último, a Garda Civil de Tráfico insiste en que os papás e as mamás deben dar exemplo poñendo o cinto de seguridade.

No obradoiro impartido dentro do programa “Espazos das Familias” tamén se trataron outras cuestións relacionadas coa seguridade viaria e a infancia. Así aclarouse que en transportes públicos -por exemplo taxis en zonas urbanas- non é obrigatorio levar cadeira ou que cando se descende de calquera vehículo sempre hai que facelo polo lado da beirarrúa. Neste sentido tamén se insistiu en que os nenos e nenas deben agardar a que o autobús se retire da parada antes de cruzar a rúa.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0397_gl.html#/-1/

Share.