O Concello de San Sadurniño acaba de recibir un novo requirimento de Augas de Galicia no que a entidade dependente da Xunta insta a Administración local a achegar máis documentación e a introducir diversas modificacións no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) relacionadas co abastecemento, co saneamento e coa protección dos recursos hídricos. O escrito supón un novo contratempo na tramitación do planeamento urbanístico, pendente dos informes do organismo autonómico desde principios de 2016. O Goberno local denuncia que a sucesión de requirimentos e os dilatados tempos de resposta de Augas de Galicia están obstaculizando que San Sadurniño poida dotarse dunha ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento.
O novo requirimento, de once páxinas, incide na necesidade de actualizar os contidos do PXOM conforme á normativa hidráulica vixente, tanto no referido á protección dos cursos fluviais e das zonas inundables como no relativo aos sistemas de abastecemento de auga e de evacuación e tratamento das residuais. Augas de Galicia solicita, entre outras cuestións, unha información máis pormenorizada sobre as redes municipais e veciñais de subministración, a acreditación da dispoñibilidade de recursos hídricos para atender as necesidades actuais e futuras da poboación e a revisión de distintos aspectos da documentación urbanística relacionados co saneamento. A entidade tamén pide que se incorporen ao plan as determinacións derivadas da normativa aprobada nos últimos anos.
Alén do contido do requirimento, o que preocupa especialmente no Concello é que a tramitación do PXOM continúe sen saír de Augas de Galicia. O propio organismo autonómico recolle nos antecedentes do escrito que o planeamento foi aprobado inicialmente polo pleno municipal o 7 de novembro de 2015 e que a solicitude do correspondente informe sectorial tivo entrada nas súas dependencias o 4 de xaneiro de 2016. Porén, o primeiro requirimento de documentación non se produciu ata abril de 2019, máis de tres anos despois. Desde aquela sucedéronse as peticións de información complementaria, as remisións de documentación por parte do Concello e novos períodos de espera que, polo momento, non desembocaron na emisión do informe necesario para avanzar cara á aprobación provisional do plan.
“Levamos practicamente once anos agardando por uns informes. É difícil de entender que, despois de todo este tempo e de toda a documentación que levamos remitido, sigamos practicamente no mesmo punto”, lamenta o alcalde, Secundino García Casal.
O rexedor xa mantivera en xullo de 2024 unha reunión co director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, precisamente para intentar desbloquear o expediente. Daquela levaba máis de ano e medio sen haber resposta á documentación remitida en xaneiro de 2023. Poucos días despois daquela xuntanza, e malia o compromiso de revisar o estado da tramitación, o Concello recibía outro requirimento. Agora, tras a entrega de nova documentación o pasado 26 de marzo, a Administración local volve atoparse cunha petición que obrigará a revisar e completar o traballo realizado polo equipo redactor do PXOM.
“A cuestión non é que teñamos que cumprir coa normativa hidráulica, algo que en ningún momento puxemos en dúbida, senón que levemos case once anos nunha dinámica de requirimentos, respostas e novos requirimentos sen que se resolva o expediente. Ademais, durante todo ese tempo vai cambiando a lexislación e van aparecendo novas esixencias que nos obrigan a revisar documentación que xa estaba elaborada. Se os informes se tramitasen nuns prazos razoables, seguramente non teriamos que estar refacendo continuamente parte do traballo”, sinala Secundino García Casal.
O rexedor incide nas consecuencias que ten para un municipio rural como San Sadurniño non dispor dun planeamento urbanístico actualizado, tanto desde o punto de vista da ordenación do territorio como da posibilidade de ofrecerlle á veciñanza maior seguridade xurídica, facilitar a implantación de actividades económicas ou dar resposta ás necesidades de vivenda. “Fálase moito desde a Xunta de favorecer o desenvolvemento do rural, de fixar poboación e de facilitar que a xente poida desenvolver os seus proxectos de vida nos concellos pequenos. Pero despois atopámonos con que un organismo da propia Xunta está obstaculizando durante anos a aprobación dunha das principais ferramentas que temos os concellos para conseguir precisamente eses obxectivos”.
O Concello deberá agora analizar co equipo redactor as novas demandas de Augas de Galicia e preparar a documentación solicitada, sen ter a certeza de que esta sexa a última vez que o organismo autonómico requira modificacións antes de emitir o seu informe. “Parece que cada vez que estamos en condicións de dar un paso adiante aparece unha nova dificultade que nos devolve á casa de saída. San Sadurniño non está pedindo ningún trato de favor, senón que a Administración autonómica resolva os expedientes con dilixencia. O que non podemos é asumir como normal que a obtención dun informe sectorial nos leve máis dunha década. A paciencia ten un límite e a veciñanza de San Sadurniño non ten por que seguir pagando as consecuencias desta situación”, conclúe o alcalde.