70 persoas acoden á primeira xuntanza informativa sobre os proxectos eólicos que pretenden asentarse en San Sadurniño

0
Onte á tardiña celebrouse en Naraío a primeira xuntanza informativa para falar dos proxectos eólicos con afección para o noso territorio e máis concretamente do PE “Caaveiro”, promovido por ENEL, que contempla a instalación de 14 aeroxeradores en San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas, ademais da estensión de liñas de evacuación até As Pontes pasando pola Capela. O proxecto encóntrase na fase de exposición pública do Informe de Impacto Ambiental Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa, cun prazo de alegacións até o 27 de xullo.
Ao encontro de onte asistiu Xavier Simón, profesor da Universidade de Vigo e representante do Observatorio Eólico de Galicia, quen nos deu algunhas pinceladas sobre como se estaba producindo o bum eólico en Galicia (cos proxectos de maior envergadura que se teñen visto até o momento en todo o Estado) e, nomeadamente, na nosa zona, que garante polas condicións atmosféricas máis de 4.200 horas de produción ao ano.
De feito, aplicando o prezo medio do megavatio/hora en 2020, os aeroxeradores do Parque Eólico “Caaveiro” permitiríanlle á empresa ENEL Green Power, participada polo Estado Italiano e grandes fondos de investimento internacionais, facturar anualmente máis de 14 millóns de euros. “Debe importarvos, e moito, o que se quere facer cos vosos montes”, dixo Simón aludindo ao feito de que a “grande riqueza” que supón o vento non xeraría con este modelo un retorno proporcional para os territorios que soportan os parques eólicos. O experto en renovables tamén advertiu de que, a diferenza das concesións administrativas que rexen, por exemplo, para os aproveitamentos hidráulicos, as autorizacións de parques que se están tramitando “non teñen data de caducidade, son para toda a vida”.
A este respecto, Secundino García mostrou o seu acordo coa eólica como fonte de enerxía renovable “pero non así”, referíndose tanto á maneira acelerada e sen practicamente información para a xente coa que se estaban xestando os futuros parques, como ao escaso beneficio social que reportarían.
García tamén indicou que a tramitación supramunicipal dos proxectos limita a marxe de manobra do consistorio á hora de conceder calquera tipo de autorización, o que non quitaría, porén, de que a Administración local “vixíe que se cumpra a legalidade” e que actúe como parte interesada na presentación de alegacións a este e aos outros proxectos que poidan vir. O alcalde apelou á autoorganización veciñal na fase de alegacións e a que as repercusións do proxecto no territorio “se pensen como colectividade”.
Boa parte da reunión de onte, á que asistiron arredor de 70 persoas de San Sadurniño e tamén de concellos limítrofes como Fene e Neda -tamén afectados polo proxecto- centrouse en describir o contexto legal e competencial da enerxía eólica. Porén, no transcurso da charla  tamén se foi dando conta dalgunhas características do proxecto P.E. “Caaveiro” que, segundo dixo Xavier Simón, estarían incumprindo a normativa e mesmo incorrendo en fraude de lei por como estaba plantexado:
  • O P.E. “Caaveiro”, de 78 MW, é un proxecto que forma parte dun conxunto de seis parques eólicos interconectados entre si e con infraestruturas comúns. ENEL pretende ilos tramitando individualmente, como proxectos separados e independentes, en vez de facelo como o macroparque que sería en realidade, que sumaría un total de 611 MW (case a metade do que produce a térmica das Pontes). Para o Observatorio Eólico de Galicia, facer esta fragmentación -evitando así maiores esixencias ambientais- é algo ilegal e razón suficiente para que o parque non obteña a autorización. Este é un dos argumentos que poden incluirse nas alegacións particulares contrarias ao proxecto e tamén un dos que, previsiblemente, utilizará o Concello no momento de presentar as súas como Administración.
  • Por outra banda, o P.E. “Caaveiro” non se encontra dentro de ningunha Área de Desenvolvemento Eólico, é dicir, dentro dalgún dos territorios definidos pola Xunta para poder montar parques. Os proxectos coma “Caaveiro” superan todos os 50 MW de potencia e, polo tanto, a tramitación é de competencia estatal, non autonómica. Porén, a competencia en materia de usos do chan segue sendo da Xunta, que desde principios deste ano pode autorizar ou non a construción de novos parques fóra deses espazos delimitados polo Plan Eólico de Galicia. Este é outro dos argumentos que se poden utilizar para presentar alegacións.
  • A terceira cuestión que obrigaría, cando menos, á modificación do actual proxecto é a distancia ás vivendas. No caso da zona sadurniñesa do PE “Caaveiro” (5 aeroxeradores de ata 200 m de altura, dous deles no límite con Neda), hai casas que quedarían a menos de 500 metros dalgúns dos muíños, como ocorre coas de Neirós, a Penamoura, parte das de Campolabrado e As Cancelas. Segundo se indicou na xuntanza, a normativa non permite a instalación de aeroxeradores tan preto das vivendas. Este sería o terceiro grande motivo para alegar. Hai que ter en conta, ademais, que os 200 metros arredor dun muíño (o que vén sendo un círculo de 12,5 hectáreas) pasarían automaticamente de chan rústico ou forestal a “chan de protección de infraestruturas”, que limitaría en grande medida os posibles usos que se lle estean dándo na actualidade ou que se lle queiran dár no futuro. Ademais, na propia xuntanza tamén xurdiron voces alertando da incidencia paisaxística -son muíños de case 200 metros de altura- ou para o valor dos inmobles que quedarían preto do parque.
De momento o que hai presentado é un anteproxecto que aínda deberá pasar por máis fases se supera esta primeira na que se encontra agora, entre elas, de ser o caso, a declaración de utilidade pública seguida da exposición de bens e dereitos afectados, onde aparecerán reseñadas todas as propiedades tocadas dun xeito ou doutro polo proxecto: emprazamentos de muíños, liñas soterradas, apertura de pistas e construción de plataformas, variacións en camiños e estradas para poder subir aos montes pás e outros materiais, ocupacións temporais durante as obras, etc.
De chegar ese intre, segundo Simón, ese sería tamén o momento de negociar os acordos económicos, aínda que na xuntanza tamén se informou de que ENEL xa ten contratados os servizos dunha consultora ferrolá para identificar as parcelas e as persoas propietarias que se verían directamente afectadas polo proxecto.  Tanto o Observatorio como o Concello insisten en que por agora non é conveniente asinar contratos ou acceder a propostas económicas sen asesoramento axeitado sobre os termos.

Xunta de Portavoces e solicitude de reunións con Industria e o Delegado do Goberno
O Concello xa solicitou xuntanzas urxentes coa Consellaría de Industria e coa Delegación do Goberno para que trasladen toda a información ao respecto tanto deste proxecto como dos que poderían publicarse proximamente. Neses encontros tamén se quere coñecer cal é a postura de ambas Administracións sobre este e outros incumprimentos normativos nos que, en principio, estaría incorrendo o proxecto “Caaveiro”.

Por outra banda, na semana que entra convocarase unha Xunta de Portavoces dos tres grupos municipais para trasladarlles o contido do encontro mantido onte e a información da que se dispón neste momento, que é practicamente a mesma que está publicada no BOE e na web da Delegación do Goberno.
Na mesma liña, o Goberno local irá comunicando as novidades que se vaian producindo e as accións que se acorden nos próximos días para facilitar a presentación de alegacións por parte de particulares e colectivos do municipio que, no caso do proxecto “Caaveiro”, han de dirixirse á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, situada na Praza de Ourense 11, C.P. 15003 A Coruña. As persoas físicas poderán exercer ese dereito indistintamente polo rexistro presencial -as alegacións tamén poden entregarse no rexistro do Concello, non fai falla ir á Coruña-  ou telemático, mentres que as persoas xurídicas deberán facelo obrigatoriamente por vía electrónica.  Tamén se poderá consultar a documentación nas propias dependencias da Delegación do Goberno solicitando cita previa no 981 989 559 ou no correo electrónico industria.acoruna@correo.gob.es.
Share.