61 postos tomarán parte na XIII Feira Rural deste sábado en San Sadurniño

0

Trala edición especial de 2021, marcada pola pandemia, a Feira Rural de San Sadurniño de 2022 semella que volve coller forza en canto ao número de expositores anotados na cita. Ao peche do prazo para apuntarse, o Concello rexistrou un total de 61 peticións, seis máis que o ano pasado, para instalar postos no recinto da Cortiña. A maioría deles serán de produtos agroalimentarios (15) e artesanía (19), seguidos dos puntos de venda que combinan manufacturas e artigos de segunda man (9), oportunidades (9), viveiros (4) e un único expositor de maquinaria. Os  espazos que faltan para completar os 61 postos corresponden a entidades como o Club Raza Can de Palleiro, a Asociación Casa do Mel ou a AGFA do Eume, colaboradoras cunha feira que vén cargada de actividades desde as 10:00h até as 20:00h, hora prevista de clausura.

Tal e como se recollía nas normas de participación, o Concello mantivo aberto até onte martes o período para solicitar sitio na feira. O listado publicouse este mediodía –pode consultarse aquí– aínda que cabe a posibilidade de que mañá chegue algunha solicitude máis no caso de que se enviase en prazo por correo postal.

A superficie máxima que poderán ocupar -segundo o que solicitasen- serán 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 20 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas na ordenanza reguladora en tramos: 5€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo, 15€ de 6 a 15 metros por 6 metros de fondo e 25€ se o posto ten entre 16 e 20 metros liñais e 10 metros de fondo.

As cantidade que toque en cada caso deberá pagarse presencialmente no Concello ata o mediodía deste venres mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta  ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado será necesario presentar o resgardo do pagamento.

Os postos deberán ir entrando no recinto á hora que teñan asignada no listado de inscricións publicado hoxe, co obxectivo de que a montaxe sexa o máis áxil posible e de evitar aglomeracións de vehículos nos sendeiros, aos que xa non se poderá acceder para descargar material despois das 10:15h.

Se se cumpren as previsións doutros anos, a feira estará completamente armada sobre as 10:30 horas e lista para recibir a habitual afluencia de público, máis elevada entre as 12 e as 14:00h aínda que cara a media tarde adoita volver repuntar, sobre todo nos intres previos á clausura.

Atendendo á lista de inscricións,  Feira Rural chega á 13ª edición con moita variedade de produto fresco e elaborado, artesanía e artigos de segunda man, ademais de contar con venda de pequena maquinaria -cortacéspedes, rozadoiras de man e forestais, etc.-, flor e planta.

Ademais haberá máis cousas nun programa ininterrompido que arrancará pouco despois das 10 da mañá e que se prolongará ata pasadas as 8 da tarde: visitas ao colmear didáctico e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos (con prácticas de poda e enxertado), obradoiros de lambetadas con froita para a rapazada, exhibición de acurrado de ovellas con cans e concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de vales canxeables no comercio local, música ao vivo coa AC Lembranzas da Ría, cantares do Cego de Matamá e Aldariña de Candeán… e, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.

Este ano un dos protagonistas será o Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, que está botando a andar en Moeche coa elaboración das primeiras conservas de horta e froita. O sábado ás 13:00 e ás 18:45h poderemos probar algúns dos seus produtos e informarnos durante todo o día sobre como entrar formar parte deste proxecto colaborativo que nos ofrece os medios e a formación necesaria para dárlles aos excedentes da terra -e ao mel- un maior valor engadido. Podedes ampliar información na web afusquenlla.gal.

Para xantar
A feira disporá cun posto de comida, aínda que tamén é moi boa opción acudir a algún dos restaurantes do concello: o Mesón A GranxaO Muíño do Pepe, Mesón O Ferrador (San Sadurniño), Parrillada Riboira (en Lamas) e Os Cazadores (Santa Mariña do Monte), aínda que convén reservar con tempo de antelación nos que quedan máis preto da feira.

Outra opción é vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o arboreto da Cortiña -o espazo arborado onde se desenvolve a feira-, o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).

Máis información
Listado de participantes (.Pdf)
Bases do concurso da froita (.Pdf)
Programa completo

 

 

 

Share.