28 de xuño, día para reivindicar a liberdade de #seresentir

0

San Sadurniño únese neste 28 de xuño á reivindicación da liberdade para ser, sentir e amar e para poder facelo no seo dunha sociedade que, por fin, normalice esa liberdade. Os tres grupos da corporación consensuaron unha declaración institucional en favor dos dereitos LGTBIQ+ e, ademais, convida a toda a veciñanza a compartir os lemas da campaña promovida pola Deputación da Coruña, á que o Concello tamén se sumou este ano. Por outra banda, na fachada do Pazo ondea desde esta mañá a bandeira do Arco da Vella, que tamén se reflicte nas flores que adornan as fiestras da casa consistorial e no pano multicor colocado na balconada lateral. Ademais, no Outeiro -fronte ao supermercado- tamén se colocaron unhas grandes letras corpóreas que sitúan a San Sadurniño no mapa da Igualdade e que, ademais, queren servir de fondo para as fotos que faga a veciñanza, co convite municipal a que se compartan nas redes sociais etiquetando ao Concello de San Sadurniño e usando o lema #seresentir. Por último, no rexistro municipal tamén se poden recoller de balde vistosas pulseiras multicor.

O 28 de xuño é un chamamento á visibilidade, ao coñecemento e ao respecto das persoas LGTBIQ+. Unha xornada na que o colectivo pon o foco en algo tan inherente ao ser humano como é a diversidade, que no eido de percepcións e sentimentos deriva nas diferentes identidades persoais e sexuais. O 28 de xuño trátase por tanto dunha lembranza, dunha celebración e dunha reivindicación do principio máis esencial das persoas: “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos” (Declaración Universal de Dereitos Humanos; N.U.1948. Artigo 1o ).

O espírito e cor das marchas que proclaman o dereito a ser un/unha mesmo/a, a vivir e a desenvolverse como cada persoa decida, convive coa outra gran data para estas persoas: o 17 de maio, Día Internacional contra a LGTBIQfobia. Porque a causa LGTBIQ conta na súa historia capítulos tan penosos como soportar a persecución criminal ou tratamentos e terapias coma se estivesen enfermos/as. De feito esta outra data de denuncia proclamouse o día de 1990 en que a Organización Mundial da Saúde desbotou a homosexualidade da lista de trastornos mentais. A transexualidade non saíu desa clasificación ata 2018.

Este ano cúmprense tres décadas da declaración expresa por parte do Consello de Europa do dereito á autodeterminación sexual de homes e mulleres. Pero a pesar destes logros cara a normalización, saírse do patrón heterosexual e cisxénero segue a ser un camiño espiñoso, con perigo incluso para a propia integridade física. Segundo os últimos datos do Ministerio do Interior, a terceira causa de delitos de odio cometidos en España foron atentados contra a orientación sexual ou identidade de xénero con 278 casos, 12 deles en Galicia. Os rexistros da Federación Estatal de LGTBI multiplican estas cifras por tres ao computar os casos nos que as vítimas non cursan denuncia ou son atentados que
non constitúen delito penal.

Como marco da administración no que se desenvolven as actuacións e políticas en calquera materia social e de dereitos humanos e especialmente no que respecta á igualdade, as entidades locais galegas manifestamos o noso firme posicionamento e compromiso a favor das persoas LGTBIQ+ e por tanto:

  • Condenamos calquera discriminación ou atentado tanto físico coma verbal contra as
    persoas LGTIBQ+
  • Procuramos o benestar e respecto aos dereitos de calquera persoa, sexa cal sexa a súa identidade ou orientación sexual.
  • Manifestamos a nosa preocupación polo aumento do discurso do odio e a intolerancia e traballamos para erradicar dende a política local estas condutas en calquera das súas formas ou circunstancias.
  • Censuramos os espazos que se proclaman “libres de LGTBIQ+”, eufemismo que empregan para repudialos. A eles nos enfrontamos declarándonos “municipios de liberdade” para todas as persoas, independentemente da súa identidade de xénero ou afinidade sexual.
  • Promovemos a igualdade, empoderamento e integración do colectivo LGTBIQ+ con plans específicos acordes á súa realidade e necesidades.
  • Colaboramos coas asociacións en defensa deste colectivo para a detección de necesidades, deseño de protocolos de actuación, visibilización da súa situación, accións de sensibilización e calquera outra medida favorable dependente da administración local.
  • Apoiamos o movemento para a construción dunha sociedade inclusiva, segura e con solucións para todos e todas.

Corporación Municipal, Concello de San Sadurniño 28 de xuño do 2021

DSC01813-web1081x1922U60

Share.