A Área de Desenvolvemento Local do Concello de San Sadurniño publicou esta mañá o programa completo da XVII Feira Rural, que se celebrará o sábado 29 de agosto na Leira da Cortiña. O evento volverá converter este espazo nun punto de encontro arredor da produción agroalimentaria, a divulgación ambiental e as iniciativas vinculadas ao desenvolvemento sostible do medio rural. Nos sendeiros á beira do Xubia atoparemos produto fresco e elaborado xunto con artigos de artesanía e segunda man, nun mercado que mantén a esencia das feiras de antano e que, ademais, inclúe unha chea de actividades de lecer durante toda a xornada. Os postos que queiran participar na cita teñen aberto o prazo de solicitude até as 23:59h do próximo 16 de agosto.
A xornada mantén o formato que lle imprimiu o carácter á feira desde os seus inicios, cun mercado repartido polos sendeiros do arboreto da Cortiña desde primeira hora da mañá que se estrutura por sectores, reservando a rúa central para os postos agroalimentarios, un dos laterais para a artesanía, a zona ao fondo -segundo se entra- para a segunda man, e unha carpa principal onde a maior parte do espazo estará ocupada pola exposición da froita autóctona.
Con esta configuración, o público poderá atopar postos de produtos frescos, alimentos transformados, planta e horta, maquinaria agrícola, artesanía e oportunidades saídas dos faiados, ao tempo que poderá participar en degustacións, sorteos e en moitas outras actividades previstas durante todo o día.
A froita do país ten na feira un lugar preeminente tanto pola celebración do concurso no que se valoran os mellores lotes da volta, como polas visitas guiadas que se farán pola horta de conservación Carlos Fornos acompañadas de pequenas demostracións de enxertado e poda de verán.
Ademais de ver o potencial frutícola da nosa zona -vizosa en mazás, peras, pexegos e outras especies de mesa-, tamén se poderán degustar exemplares en fresco e mesmo como produto transformado en marmeladas e zumes, xa que durante todo o día permanecerá aberto un punto informativo do centro de elaboración A Fusquenlla no que se poderán probar e mercar todos os produtos -tamén horta- que se preparan e envasan nas súas instalacións, situadas no recinto feiral de San Ramón, en Moeche.
A feira mantén o seu cometido de ser foro e/ou escaparate para as distintas tendencias no sector agroalimentario, sobre todo aquelas que se dirixen ao fomento da sostenibilidade social e ambiental. Na edición deste ano contará coa participación de Nuska Chousa, divulgadora especializada en horticultura ecolóxica, que ofrecerá dúas conferencias sobre o cultivo da horta e o aproveitamento dos recursos do solo.
Xunto con estas propostas, o público tamén poderá visitar o colmear didáctico da Cortiña e coñecer as rochas do Xeoparque do Cabo Ortegal con axuda do seu director científico, o xeólogo Fran Canosa..
As actividades para familias e para a rapazada terán tamén un peso importante na programación. O proxecto Terra de Vida organizará o obradoiro “En busca dos segredos da Cortiña”, unha procura do tesouro arredor do arboreto que se estreou con grande éxito na pasada Feira da Plantación e que regresa nesta edición con dúas sesións.
A programación completarase coas habituais baixadas en kaiak polo río Xubia, o XXXIX Concurso Morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de lotes de produtos de proximidade -os tíckets entréganse con cada compra- e coa música da charanga e as pandeireteiras da agrupación naronesa Alxibeira, que animarán o contorno da Cortiña durante boa parte da xornada.
O programa completo da XVII Feira Rural pode consultarse nesta ligazón. Ademais, a área de Desenvolvemento Local lémbralles ás persoas e entidades interesadas en instalar un posto que deberán presentar a solicitude no Concello ou a través da Sede Electrónica municipal antes das 23:59 horas do 16 de agosto.
Folla de solicitude
Normas de participación
Folla de autoliquidación da taxa (unha vez que se confirme a inscrición)