Xuntanza de Lamas lévanos a Salamanca e ao Jerte na fin de semana das Letras Galegas

0

A Asociación veciñal Xuntanza de Lamas organiza unha excursión á cidade castelán-leonesa de Salamanca e ao Val do Jerte, en Estremadura. A viaxe desenvolverase os días 17 e 18 de maio e inclúe aloxamento nun hotel de catro estrelas, visitas guiadas, degustacións e pensión completa. O prezo é de 190 euros para persoas socias e 200 para non socias. As inscricións xa están abertas e poden facerse a través dos teléfonos 618 838 760 ou 664 203 738.

A expedición partirá en autobús o sábado 17 de maio ás 08:30 horas desde o Local Social de Lamas. Tras a chegada a Salamanca, as persoas participantes xantarán nun dos restaurantes da cidade e poderán gozar dunha visita guiada pola súa espectacular zona vella, recoñecida polo patrimonio histórico e universitario. Haberá tempo para pasear pola Praza Maior ou descubrir por libre outros recunchos antes de cear e descansar no hotel.

O domingo 18, o plan da viaxe é madrugar ben cediño e tirar para o Val do Jerte, un dos destinos naturais máis visitados da primavera para ver en directo a paisaxe tinguida de branco por causa da floración das cerdeiras. O grupo comezará o percorrido no porto de montaña de Tornavacas desde onde se pode ver unha panorámica completa do val.

O grupo baixará logo ata unha plantación de cerdeiras para coñecer as árbores e as distintas variedades acollidas á Denominación de Orixe Protexida Cereza del Jerte, que abrangue 26 municipios desta parte da provincia de Cáceres e á que só poden acollerse cinco tipos de cereixa.  Alí realizarase unha degustación de froitos e cada persoa recibirá unha caixa de cereixas como agasallo.

Para completar a experiencia, está prevista unha comida nun restaurante típico da zona antes de iniciar o regreso, facendo breves paradas para descansar e desfrutar da paisaxe. Durante toda a viaxe contarase con guía de acompañamento e tamén coa cobertura dun seguro.

No cartel compartido nas redes sociais por Xuntanza de Lamas destácase o prezo da proposta -190€ as persoas socias da entidade e 200€ as non socias- así como a recomendación de non demorarse nas reservas, xa que as prazas son limitadas. Para iso hai que chamar, recordamos, ao 618 838 760 ou ao 664 203 738.

Share.