Xuntanza de Lamas abre as inscricións nas súas próximas actividades

0

A asociación veciñal da parroquia de Lamas leva varios días dándolle difusión ao seu calendario de actividades de cara ás próximas semanas. Con carácter inminente teñen tres: unha exhibición de tenis de mesa este mesmo sábado á tarde, o seu tradicional campionato de tute -que volve trala pandemia- o sábado 29 de outubro e un magosto popular o sábado 12 de novembro. Para todas estas actividades -agás para o tenis de mesa, que é con entrada libre- xa está aberto o prazo de inscrición a través dos teléfonos 618 838 760-664 203 738. A entidade é unha das dez solicitantes das liñas de subvencións para actividades culturais e deportivas que o Concello agarda resolver en cuestión de días e para as que ten reservado un orzamento total de 26.000 euros.

De cara a este sábado 15 de outubro, Xuntanza de Lamas proponnos achegarnos até o local social do Chao para presenciar unha demostración do equipo feminino de División de Honra do Club Narón de Tenis de Mesa, como maneira -segundo aseguran- de “apoiar o deporte entre a rapazada”. O evento comezará ás 17:00h e non require incrición previa.

Onde si fará falla anotarse é no campionato de tute que organizan para o serán do sábado 29 de outubro, tamén no local social. Tralo sorteo dos emparellamentos entre todas as persoas apuntadas ata o día 25, os “arrastros” empezarán a escoitarse  a partir das 20:00h.

A terceira das citas que teñen preparada en Xuntanza de Lamas é o magosto. Desenvolverase o sábado 12 de novembro cun xantar popular -14:00h- a base de xamón cocido, chourizos e patacas, ademais de castañas asadas, sobremesa, café e bebidas. O prezo é de 15€ para persoas socias da entidade e de 18€ para non socias. Para reservar débese chamar ao 618 838 760 ou ao 664 203 738.

Nuns días resolveranse as axudas para entidades
A asociación veciñal de Lamas é unha das dez entidades que este ano solicitaron as axudas convocadas polo Concello para colaborar cos colectivos que desenvolven actividades no ámbito da cultura e o deporte. O orzamento global reservado para subvencións en concorrencia competitiva ascende a 26.000 euros, 16.000 para colectivos veciñais (14.000 para programacións e 2.000 para colaborar coas asociacións que teñen local en propiedade ou alugado) e 10.000 dirixidos a clubes e entidades relacionadas co deporte.

Tras pecharse os prazos de presentación de documentación, o departamento de Cultura e Deportes está rematando estes días a baremación das solicitudes que, nalgúns casos, requirirán a emenda dalgúns aspectos -falta de algún campo por cubrir e outras cuestións menores- antes de formular a proposta de distribución dos fondos.

A proposta, baseada en fórmulas e criterios establecidos nas bases, seralle presentada á Comisión Cualificadora integrada por representantes dos grupos municipais e persoal técnico para, posteriormente, pasar á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación.

Desde os servizos técnicos municipais informan que a avaliación das solicitudes e a aprobación das subvencións podería completarse nun prazo duns 15 días. A partir de aí, e unha vez que se lles comuniquen os importes concedidos, as asociacións e clubes poderán presentar ata o 30 de decembro a documentación xustificativa dos gastos efectuados.

 

Share.