Xoán Padín e Roi Painceira versionean os “Brazos pra a seitura” de Fuxan Os ventos

0

Unha das actividades municipais que quedou paralizada a raíz da alarma sanitaria foi a do grupo de cantos de taberna impulsado polo Concello a finais do ano pasado. Ben, de todo, de todo non parou, xa que os seus membros seguen conectados a través de whatsapp e facendo piña arredor da música durante estes momentos de clausura obrigada. Comparten pezas, cadaquén practica na casa e andan argallando repertorio para lucirse cando todo volte á normalidade. Unha das cancións  nas que traballan é “Brazos pra a seitura”, de Fuxan Os ventos. Xoán Padín e Roi Painceira acaban de gravar unha versión de como pode quedar a cousa, a xeito de aperitivo do que habemos ver ao vivo máis cedo que tarde.

Xoán Padín é o encargado de adestrar voces e ritmos dun colectivo que antes da crise xa empezaba a moverse polos bares da zona para facerse escoitar e animar os seráns taberneiros entre petiscos, parolas e chatos. A situación de alarma freou en seco os encontros, pero non a súa gana de continuar gozando da música a pesar do confinamento.

“Estabamos propoñendo cancións polo WhatsApp e Roi (Painceira) máis eu decidimos grabar esta que lle gustaba a todo o grupo. Como a maioría da xente non ten medios para grabar o audio na casa, decidimos facelo nó-los dous sós, xa que somos os que tocamos a guitarra nos ensaios”, explica Padín engadindo que “é todo moi caseiro. Só pretendiamos ter un recordo deste ano e tratar de manter a xente animada neste confinamento”.

O vídeo ilústrase con fotografías que foron sacando nos últimos meses naqueles lugares polos que pasaron, logo das primeiras sesións de axuste e ensaio na Casa da Xuventude. Castrillón, o bar a Chabola, a taberna da Cruz da Raíña foron algúns deses escenarios onde as voces e o repertorio atoparon o seu medio natural. E, parafraseando a Carlos Puebla, nisto chegou o coronavirus e mandou parar.

“Desde que empezou o confinamento estamos facendo un listado coas cancións que máis lle gusta a cada un, para cantar cando o repertorio que temos se nos acaba. O grupo formámolo integrantes de distintas xeracións e así cumprimos os gustos de todas”, comenta Amparo Calvo, Concelleira de Cultura e unha das voces da escola de Cantos de Taberna. “Falamos de facer o vídeo, pedimos fotos, outras buscámolas no facebook do Concello e despois Roi e Xoán gravaron as músicas por separado e con todo ese material fíxose a peza”.

Calvo sinala que o grupo “segue moi activo” malia non poder xuntarse. “Enviámonos xogos, cancións, proxeccións do Chanfaina Lab, andamos á procura dos elementos que oculta Carlos García nos dibuxos que publica no seu facebook… pola mañá sempre hai un saúdo con música e Xoán Padín incluso nos puxo a facer ioga mandándonos pequenos vídeos”.

De momento non hai prazos para o levantamento do Estado de Alarma. Como mínimo haberá que seguir na casa até o 26 de abril, pero o Goberno non descarta a posibilidade de ampliar o confinamento até o 10 de maio,  seguido posteriormente dunha temporada en que haberá que seguir tomando precaucións.

Para daquela, para cando as cousas estean máis ou menos normalizadas, o grupo de Cantos de Taberna xa ten pensado onde será a súa primeira actuación. “Se dan o seu consentemento, queremos ir cantarlle ao persoal e ás persoas usuarias da residencia Súa Casa”.

 

Share.