Xa se poden facer as comunicacións das fogueiras de San Xoán e San Pedro

0

En vinte días estaremos celebrando a noite do San Xoán e, pouco despois -nalgúns sitios-, tamén as cacharelas do San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, non está de máis lembrar que cando se anda con lume é preciso tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das fogueiras e saltas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, fai falla presentar unha comunicación no Concello indicando o lugar da celebración e adquirindo certos compromisos de seguridade. O documento pode presentarse xa mesmo no rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica. O concello dá de prazo até o día 19, posto que ao día seguinte deberá enviarlle á Xunta todas as comunicacións.

Cabe agardar que na noite do 23, que cae en luns, e tamén durante a fin de semana inmediatamente anterior haxa por todo o territorio ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Porén, para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

  • Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vextación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
  • Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
  • Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
  • Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
  • É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
  • Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
  • Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
  • En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)

Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 como nos días  anteriores e posteriores, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.

O impreso de comunicación previa recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala  inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que as brasas estean totalmente apagadas e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter o lume sempre baixo control.

O último día para facer as comunicacións é o xoves 19 de xuño, incluído, posto que o Concello deberá xuntalas todas e enviarllas ao Distrito Forestal ao día seguinte. O documento pode cubrirse directamente no navegador web para imprimilo e presentalo no rexistro municipal, ou ben para asinalo co certificado dixital e presentalo pola Sede Electrónica municipal.

Este último medio é obrigatorio para as comunicacións das entidades e colectivos veciñais do territorio. Ata o momento sabemos de dúas entidades que van celebrar a noite máxica do solsticio: o O Castelo de Narahío farao o sábado 21 á noitiña -con callos de balde e sesión de picadiscos- e Adiante de Igrexafeita organiza a súa salta o sábado 28 -servirán sardiñas, liscos e chourizos: 3€ persoas socias e 8€ o resto-, xa que o sábado 21 teñen o xantar da festa do Biscordel.

Share.