A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos agrícolas volverá a San Sadurniño nas próximas semanas para pasarlle a revisión aos tractores. A ITV permanecerá ao pé da igrexa de Santa Mariña do Monte durante o martes 11, día no que atenderá pola mañá e pola tarde. O venres 14 e o luns 17 de marzo, por outra banda, a estación estará situada na pista polideportiva da Torre, en Igrexafeita. Lanzamos o anuncio a un mes vista para ir pedindo vez a través do teléfono 981 928 080 ou na web www.sycitv.com.
Os tractores agrícolas, maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas, teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é anual.
Ademais de levar a documentación do vehículo, antes de ir á inspección é moi recomendable comprobar na casa que todos os dispositivos de sinalización -intermitentes, luces, rotativo, claxon- funcionan correctamente. Tamén hai que revisar o estado das placas de matrícula e de velocidade e, sobra dicilo, asegurarse de que o tractor frea, aínda que despois sexa o persoal da estación quen verifique que os parámetros estean dentro dos límites permitidos.
En Galicia o parque de tractores ten unha media de idade que rolda os 25 anos, mentres que a media de idade dos remolques documentados anda nos 23 anos. As recomendacións sobre freos, iluminación e outros aspectos veñen ao caso de que os vehículos agrícolas deben encontrarse en bo estado para superar con éxito a inspección e obter a ansiada pegatina troquelada, pero máis que nada para termos a certeza de que podemos circular con eles con seguridade.
A ITV en Santa Mariña, en Igrexafeita e noutros puntos próximos
En Santa Mariña do Monte a ITV instalarase no aparcadoiro que hai ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos, o martes 11 de marzo. Atenderá en horario de 9:00 a 13:30h e de 15:15 a 18:00h.
Despois de parar unha xornada en Santa Mariña, a estación móbil trasladarase a Igrexafeita. Permanecerá na pista polideportiva da Torre o venres 14 e o luns 17 de marzo. O primeiro dos días revisará maquinaria só pola mañá, de 9:00 a 13:30h, e o segundo pola mañá e pola tarde, de 9:00 a 13:30 e de 15:15 a 18:00h.
A vez pode pedirse chamando ao 981 928 080 ou a través da web www.sycitv.com. Tamén se pode probar sorte calquera desas xornadas por se lles quedase algún oco libre, aínda que non é o máis aconsellable. Segundo informa SyC-ITV Applus na súa web, a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.
Ademais das inspeccións en Santa Mariña e Igrexafeita, a estación móbil tamén estará en Vilaboa o 6 de marzo, en Moeche os días 12 e 13 e en Pedroso o 18 de marzo.