Xa se pode solicitar vez para a ITV agrícola, e tamén para a renovación do DNI

0

A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos virá por San Sadurniño dentro dun mes para “pasarlle a revisión” aos tractores e outra maquinaria agrícola. Estará o día 5 de maio en Santa Mariña do Monte e o día 12 de maio en Igrexafeita. É necesario pedir vez a través do 902 309 000 ou da web www.sycitv.com. Ademais,  cómpre lembrar para a xente de Bardaos e Lamas que a ITV tamén atenderá no recinto feiral de San Ramón, en Moeche, o  día 6 de maio. Igualmente hai que solicitar cita previa. Por outra banda, desde o Concello tamén se recorda que aínda quedan veces dispoñibles para a renovación do DNI. (ACTUALIZACIÓN: XA SE COMPLETOU O CUPO DE CITAS) A oficina móbil estará en San Sadurniño o día 28 de abril.

Os tractores agrícolas, a maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais -excepto motocultores e máquinas equiparadas- teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é obrigatoria todos os anos.  Iso si, se os tractores superan os 40 Km/h. a primeira revisión debe pasárselle aos 4 anos, dos 4 aos 16 será bienal e a partir de aí anual.

Pasar a revisión é un trámite obrigatorio e, ademais, o lugar onde adoitan aparecer problemas que poden poñer en perigo a seguridade de quen use a maquinaria e a doutros vehículos que circulen pola vía. Neste sentido, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral -organismo dependente da Xunta de Galicia- vai máis aló da recomendación de que o tractor teña a itv pasada e insiste na conveniencia de que as máquinas máis vellas dispoñan de arcos ou cabinas de seguridade homologadas e que se extremen as precaucións coas tomas de forza e o manexo de apeiros.

ITV en Santa Mariña, Moeche e Igrexafeita
A unidade móbil da ITV andará pola nosa zona a partir da primeira semana de maio. A Santa Mariña do Monte acudirá na xornada do mércores 5 de maio en horario de 9.00h. a 13.30h. e de 15.15h. a 18.00h. En principio instalarase na explanada de Moimentos, ao pé da igrexa Parroquial, aínda que cabe a posibilidade -aínda non confirmada- de que finalmente vaia para a pista polideportiva da Golpilleira.

Ao día seguinte, o xoves 6 de maio, a estación asentará  cos mesmos horarios no recinto feiral de San Ramón, en Moeche, moito máis á man para as persoas usuarias das zonas limítrofes de Lamas e Bardaos.

A quenda anual de ITVs agrícolas rematará en Igrexafeita. O mércores 12 de maio a unidade móbil pasará revisións na pista polideportiva da Torre, tamén en horario de 9.00h. a 13.30h. e de 15.15h. a 18.00h.

Para pasarlle a revisión aos tractores é obrigatorio pedir cita previa a través do  902 309 000 ou da web www.sycitv.com

Oficina móbil do DNI ACTUALIZAMOS INFO: XA SE ESGOTARON AS CITAS
Por outra banda, o Concello xa leva varios días recollendo solicitudes para a renovación do DNI na oficina móbil que se desprazará a San Sadurniño o próximo 28 de abril. Para pedir a vez abonda con chamar polas mañás ao 981 490 027.

Prégase que para facer a renovación só acudan as persoas interesadas -a menos que se trate de menores, dependentes ou persoas que precisen axuda para moverse ou entenderse co trámite- e que se leve o importe exacto da taxa correspondente (12€) se non se dispón de tarxeta para o pagamento telemático. Para a renovación tamén é precisa unha foto carné en cor e, no caso de cambio nos datos de residencia en San Sadurniño, fará falla o volante de empadroamento. Este último expídeo o Concello e haberá que solicitalo de maneira anticipada para poder recollelo o mesmo día no rexistro municipal.

 

Share.