Xa se coñecen os títulos que poderemos ver este sábado nas estreas do Chanfaina Lab

0

Todo está preparado para a grande estrea das curtametraxes do Chanfaina Lab, que terá lugar este sábado 11 de febreiro a partir das 17:30h na Casa da Cultura de San Sadurniño. Son 22 pezas -máis unha de apertura da área de Cultura da Deputación, patrocinadora do encontro audiovisual- que nos ofrecerán dúas horas e media de cine filmado aquí, en San Sadurniño, durante a primeira fin de semana de setembro e co noso territorio como protagonista. Curtas con duracións variables e con temáticas tratadas desde a ollada documental, a experimental, a ficción ou calquera outra fórmula narrativa que as autoras e autores consideraron axeitada para contaren con absoluta liberdade as súas historias. O resultado desas miradas poderemos velo nunha maratón presentada por Paco Lodeiro onde, un ano máis, se manterá un equilibrio case fifty-fifty entre as creacións locais e as producidas por realizadores e realizadoras convidadas.

No programa de man da tarde atopamos os seguintes nomes da casa con cadansúa peza: Fran Bermúdez -responsable da canle A Lobeira Today e flamante Premio Rede na gala Youtubeiras 2022-,  Kevin Lorenzo, Bieito Beceiro, Ary López, o colectivo Naraío Media, as mulleres de Teño unha horta en San SadurniñoCarmen Couce, Carmen Bouza, Consuelo Picos e Cruz Piñón-, Pablo Martínez, Abel Vega, Ángela Arnosa e o trío The Sun Girls, formado por Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga Vigo.

Todas elas e eles asinan dez das pezas que se proxectarán e, ademais, tamén se implicaron nas doutras creadoras e creadores  como intérpretes en papeis principais ou secundarios ou colaborando nas tarefas de produción. É o caso, por exemplo, de Bieito Beceiro, Carmen Couce, Carmen Bouza e Cruz Piñón, protagonistas do filme que presentará Xavier Villaverde, un dos participantes de máis renome na presente edición.

Villaverde encabeza por veteranía e traxectoria profesional o listado de visitantes que gravaron en San Sadurniño a primeiros de setembro de 2022. Canda el o VII Chanfaina Lab conta con outros valores consolidados e novos talentos: Celia Parra, Andrea Fernández, Paula Vilariño, Sofía Naseiro, Andrea Pena, Raquel Álvarez, Claudia Pineda, Rubén Coca, Ariadna Silva, Dani Viqueira, Domingo Díaz e Toño Chouza (Noa, a súa peza para o Chanfaina Lab, xa pode verse na rede por ser o videoclip dun tema de Guadi Galego coa colaboración de Mäbu que ademais opta ao premio nesa categoría na presente edición dos Mestre Mateo).

A gala das estreas do Chanfaina Lab comezará ás 17:30h coas habituais presentacións e a entrega das Lolas Chanfaineiras (o agasallo institucional para todas e todos os participantes). O acto estará conducido polo presentador, cantante, humorista e profesor Paco Lodeiro, acompañado da concelleira Ara Bellas.

Tras ese primeiro momento, no que os creadores e creadoras farán unha breve introdución de cadansúa curta, iniciaranse as proxeccións divididas en dous bloques de aproximadamente unha hora e cuarto cada un. Por este motivo, a organización marcou un descanso de media hora, entre as 19:30 e as 20:00h, para retomar inmediatamente despois a segunda parte da sesión, que finalizará pasadas as 21:00h.

O evento é con entrada libre até completar a capacidade da Casa da Cultura de San Sadurniño. A partir do venres 17 de febreiro as curtametraxes irán estreándose a razón de unha por semana na canle en youtube de Fálame de San Sadurniño, ademais de iniciar moitas delas o seu percorrido por múltiples festivais.

PROGRAMA DAS ESTREAS DO VII CHANFAINA LAB
-sábado 11 de febreiro de 2022-

17:30h Presentacións e entrega das Lolas Chanfaineiras
18:15h Proxeccións (1ª parte)

1. A cultura é un dereito – Vídeo promocional da Área de Cultura da Deputación da Coruña
2. Spoiler chanfaineiro – Fran Bermúdez
3. Un rastro de luz – Celia Parra
4. Navia – Kevin Lorenzo
5. As vacas desaparecidas – Bieito Beceiro
6. O soño de Lía – Ary López
7. Deber – Andrea Fernández e Paula Vilariño
8. De pedra son os muros i as tebras – Sofía Naseiro
9. A danza macabra – Andrea Pena
10. The Porquer – Naraío Media
11. Estruturas. Apuntes de San Sadurniño – Raquel Álvarez
12. Interxeneracional – Xavier Villaverde

19:30h Descanso
20:00h Proxeccións (2ª parte)

13. Cando eu era nova – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón
14. O Amor é auga que corre – Claudia Pineda
15. Non fixen curta para a chanfaina – Pablo Martínez
16. Badaladas de vida e morte – Rubén Coca
17. Espantos e desencantos – Ariadna Silva
18. Un San Sadurniño en negativo – Dani Viqueira
19. Fíate e non corras – Abel Vega
20. Porte exprés – Ángela Arnosa
21. O arado – Domingo Díaz
22. Noa – Toño Chouza
23. Feminino – The Sungirls

21:15h (aprox.) Remate

Share.