Xa está en exposición pública a Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de San Sadurniño

0

O pleno do pasado 29 de setembro aprobou por unanimidade o texto da Ordenanza Xeral de Subvencións, que rexerá todas as convocatorias de axudas municipais, tanto para entidades como para particulares. O anuncio da aprobación inicial saiu publicado no BOP deste martes, 11 de outubro, coa intención de expoñela ao público para que poida ser revisada, sobre todo, polas asociacións veciñais, clubes e outros colectivos, que terán até o próximo 10 de novembro para presentar as alegacións que estimen oportunas. O texto completo da ordenanza pode descargarse desde aquí.

A Ordenanza Xeral de Subvencións é un documento do que o Concello non dispuña e que vén establecer o marco xeral normativo para todas as achegas que convoque a Administración local, incluídas axudas a entidades e particulares e convenios nominativos.

A ordenanza non reflicte contías nin tampouco os obxectos das subvencións, senón que establece criterios unificados -de tramitación, de publicidade, de xustificación, etc.- polos que deberán rexerse todas e cada unha das liñas de axuda ou acordos de colaboración de tipo económico que promova o consistorio.

O texto que se atopa en exposición pública consta de 34 artigos distribuídos en seis títulos máis tres disposicións. A grandes trazos é unha guía detallada de todos os aspectos relativos á concesión de subvencións e a sinatura de convenios que lle outorgará maior seguridade xurídica á Administración local, pero tamén ás persoas e entidades beneficiarias, posto que a ordenanza defíneo practicamente todo, desde que se entende por subvención, quen son beneficiarios/as e os requisitos para selo, quen son os órganos competentes para instruír os procedementos e como deben facerse, que se consideran gastos subvencionables, as diferencias entre concorrencia competitiva e concesións directas ou patrocinios, as distintas opcións de pagamento e xustificación, por que medios se lles deben dar publicidade ás convocatorias e á distribución dos fondos, etc.

Xa no pleno en que se aprobou inicialmente o texto, os grupos municipais quedaron en darlle a máxima publicidade a partir do momento en que entrase en exposición pública, coa finalidade de que os colectivos veciñais puidesen revisar o articulado e, de ser o caso, presentar alegacións.

O texto que se votou na sesión do pasado 29 de setembro está dispoñible no Portal de Transparencia do Concello, ademais de poder descargarse directamente desde aquí. O anuncio de exposición pública saiu no BOP do 11 de outubro, dando  30 días soltos para presentar alegacións, contados desde o día seguinte á data de publicación. Dito doutro modo, hai de prazo até o próximo 10 de novembro para revisar e alegar, algo que se poderá facer no rexistro municipal -no caso de persoas físicas- ou obrigatoriamente a través da Sede Electrónica se se trata de persoas xurídicas.

 

Share.