Volve o noso derbi

0

Sol, boa temperatura, unha hora máis de luz… as condicións parece que van ser perfectas este domingo para unha tarde de fútbol no campo dos Currás, que ademais de todos os alicientes anteriores tamén terá o do sempre apaixoante derbi entre o CF San Sadurniño e a UDC Narahío. As escuadras locais enfrontaranse a partir das 18:00h nun encontro de alta voltaxe na cabeza da táboa da Segunda Futgal. E é que o San Sadurniño saltará ao terreo de xogo na súa casa buscando sumar puntos que lle permitan achegarse un pouco máis ao ascenso directo -vai segundo na táboa- e o Narahío fará o propio como visitante para tentar achegarse á promoción.

As cousas están así neste momento, ás portas da disputa este domingo da xornada número 25, a cinco de que remate a liga. O Meirás marcha en cabeza con 61 puntos despois de xogar a semana pasada o seu derbi, no que lle meteu a domicilio ao Rosalía de Vilaboa un auténtico “zoco” dos do futbolín: 0-7.

Malia estar intratable, o Meirás C.F. non é inalcanzable para o seguinte na táboa, o CF San Sadurniño, quen está levando a cabo unha temporada redonda na que xa suma 57 puntos e, ademais, cuns cómodos cinco puntos de diferencia sobre a súa inmediata perseguidora, a Unión  Deportiva Cebarca.

Porén, como dicimos, aínda faltan cinco xornadas e hai marxe para remexer a cabeza. Incluso as matemáticas darían (aínda que sexa pouco probable, a priori) para que gabeasen aos primeiros postos a SD Barallobre e a Unión Deportiva Narahío, cuarta e quinta respectivamente na fronteira dos 50 puntos.

No curto prazo, o deste domingo, o Meirás recibe na casa ao Cebarca co precedente dun empate 1-1 na primeira volta. Todas as posibilidades están abertas e un novo empate deixaríaos practicamente igual.

Por outra banda, o Barallobre tamén recibe ao Galicia de Mugardos B que, en principio, é un equipo asequible -vai oitavo- ao que xa lle ganaran a domicilio por tres goles a cero no partido da ida ligueira. Se a quiniela non falla, os feneses non deberían ter problemas para puntuar pola máxima, apretando aínda máis a cousa na cima da clasificación.

E despois está o derbi, o noso derbi, cun Narahío que non quere deixar escapar o tren da promoción que xogarán o segundo e terceiro clasificados e un San Sadurniño que segue tendo moitas opcións para o ascenso directo. No encontro da primeira volta, disputado na Veiga en novembro, o CF San Sadurniño ganou pola mínima. E este domingo na casa tamén lle valería ese resultado para seguir pegado ao Meirás.

O que vaia pasar, coma sempre, verémolo durante o partido. A contenda empeza ás 18:00h no campo da Piscina. Lembrade adiantar o reloxo na madrugada do sábado para o domingo -ás 02:00h serán as 03:00h- para estar nos Currás á hora á que hai que estar.

Share.