Vén aí o Nadal!!

0

Achéganse as datas máis sentidas do ano. Tempo de reunirse coa familia, de compartir momentos e tamén de despedir un ano cheo de cousas boas e non tan boas que lle dará paso a un 2024 cargado de bos desexos. O Concello organizou unha pequena programación para estas datas, complementada con outras actividades promovidas polas entidades do territorio, coa que quere vestir unhas festas plenas de ledicia para todas e todos nós, e en especial para a rapazada.

O Nadal en San Sadurniño comezou hai escasos días coa campaña de dinamización do comercio “Polo Nadal, consumo local” na que participan máis dunha trintena de negocios. Por compras de ata 10€ entregarannos boletos para o sorteo de seis cestas de produtos de calidade valoradas en 50€ cada unha, mentres que por gasto superior a 10€ entraremos na rifa doutras catro caixas con produto variado -e galego- cun valor unitario de 100€.

O sorteo público terá lugar na Casa do Concello o mércores 10 de xaneiro. Ese mesmo día a área de Desenvolvemento local contactará coas persoas agraciadas e os lotes entregaranse o venres 12 de xaneiro ás 14:30h.

Venres 22 de decembro: “O cachopo máxico” e visita do Apalpador a San Sadurniño e Naraío
O venres 22 de decembro pola tarde -a partir das 18:30h– temos na Casa da Cultura o espectáculo infantil “O cachopo máxico”, da compañía Lîlâ Teatro.Unha obra para público familiar que interpreta o Nadal desde a perspectiva dos costumes galegos máis antigos, reivindicando ao mesmo tempo os saberes ancestrais da nosa cultura. As entradas son gratuítas e poden ir reservándose no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Cando remate “O cachopo máxico”, a iso das 19:30h, o Apalpador chegará á praza do antigo Concello para saudar ás nenas e nenos de San Sadurniño antes de proseguir o seu camiño máxico, iniciado pola mañá na EIM A Rolada e no Centro de Día. Traerá o zurrón repleto de lambetadas e porá moitísima atención a todo o que as nenas e nenos lle queiran contar…ou pedir. Se chovese, a recepción ao Apalpador trasladaríase á Casa da Cultura.

Tralo seu paso por San Sadurniño, o carboeiro do Courel marchará ao Nadal na Lareira que organiza a A.VV. O Castelo de Narahío, tamén o venres 22 ás 20:30h. No local social da Veiga actuará, ademais, o mago Magic Mateo, un ferrolán de tan só 14 anos que xa é todo un referente do ilusionismo galego. O serán rematará con bica e chocolate mentres se cantan unhas panxoliñas e outras pezas tradicionais (pódense levar instrumentos).

Lembramos, ademais, que xa se poden recoller gratis na Casa do Concello ou na Casa da Cultura os calendarios de 2024, dedicados nesta edición ao Xeoparque Cabo Ortegal.

Sábado 23 de decembro: Concerto da Escola de Música Moderna
Máis de 30 persoas están anotadas este ano nas distintas disciplinas da Escola Municipal de Música moderna. A experiencia que botou a andar o curso pasado foi todo un éxito, con alumnado en piano, percusión, guitarra eléctrica e outros instrumentos que se ensinan nesta escola dunha maneira moi dinámica e sen necesidade de coñecementos previos.

Na clausura do curso 2022-23, antes do verán, puidemos escoitar pezas de todos os estilos interpretadas cunha grande calidade na execución por alumnado de distintas idades, desde nenos e nenas pequeniñas ata persoas ben entradas en anos.

O sábado 23 de decembro a partir das 12:00h teremos unha nova oportunidade de deleitarnos coa súa música e de sumarnos á festa que a escola montará no escenario da Casa da Cultura. Será nun concerto con entrada libre que reunirá, con toda seguridade, clásicos do pop e do rock que sempre soan polo Nadal, alternados con pezas tamén moi coñecidas do repertorio tradicional.

Xoves 4 de xaneiro: Chegada dos Reis Magos de Oriente
O remate das datas do Nadal márcao a chegada dos Reis Magos de Oriente. Por máis que haxa “papanueles” e apalpadores, poucas figuras espertan tanta ilusión infantil como Melchor, Gaspar e Baltasar e a súa corte de paxes, capaces de percorrer nunha soa noite todos os fogares para colmalos de agasallos.

Nas horas previas a esa noite en que se obra o milagro loxístico, os Reis visitarán toda a comarca en múltiples cabalgatas. Porén, a San Sadurniño chegarán antes, na tardiña do xoves 4 de xaneiro, para que as nenas e nenos do noso concello sexan case os primeiros en poder entregarlles a carta e facerlles peticións de última hora.

Está previsto que as SS.MM. que entren no ximnasio do CPI sobre as 18:30 ou 19:00h., pero antes, desde as 17:00h, xa haberá troula no recinto con animación musical, un castelo inchable, camas elásticas e obradoiros de manualidades. Ademais, como vén sendo tradición, durante a tarde servirase chocolate quentiño con roscón.

Desde Cultura lanzan un aviso importante: aquelas familias que teñan algún membro con alerxias ou intolerancias a calquera ingrediente -fariña, ovos, leite, froitos secos…- poden contactar co técnico de Cultura  no 616 332 919 para poñelo ao tanto, co obxectivo de ter preparada unha merenda alternativa.

Calendario 2024
Lembramos, ademais, que xa se poden recoller na Casa do Concello ou na Casa da Cultura os calendarios de 2024, dedicados nesta edición ao Xeoparque Cabo Ortegal. O Concello editou 600 exemplares, que se entregarán de balde até esgotar existencias.

Share.