Vén aí o Entroido, preparen os seus espantallos!

0

Respírase ambiente pre-entroideiro e, ademais, parece que as cousas van algo mellor en canto á situación pandémica. Temos que seguir coidándonos e coidando aos demais, pero a realidade é que desde onte xa non son obrigatorias as máscaras ao aire libre e desde esta medianoite a hostalaría e o lecer nocturno volven aos seus horarios habituais (segue a limitación de grupos en mesas). Pois iso, a ver se se confirma que por fin imos deixar atrás a sexta onda e esperemos que non veña outra. E, mentres, o que anunciamos no titular: señoras, señores, nenas e nenos… vaian preparando os seus bonecos para participar nas “Entroidadas”, unha das moitas actividades que argallou Cultura para celebrar a troula que aí nos vén. A cousa é moi sinxela, só hai que facer un espantallo vestido de cociñeira ou cociñeiro -ou con outra indumentaria, pero que se vexa que está facendo de comer-, e colocalo diante da casa mirando á vía pública. Logo haberá que sacarlle dúas fotos e mandalas ao whatsapp 616 332 919 para entrar no sorteo dunha viaxe a Allariz para visitar a súa mostra anual de xardíns. 

As “Entroidadas” deberán estar expostas até o 6 de marzo e cada domicilio só poderá participar cun boneco. O premio será unha viaxe a Allariz no mes de maio para visitar o XII Festival Internacional de Xardíns.  Poderán asistir dúas persoas de cada casa premiada -8 persoas en total-, a quen se lles porá un microbús con saída e volta a San Sadurniño no mesmo día, ademais de incluír na viaxe o xantar e as entradas na exposición de paisaxismo.

Os premios entregaranse no Concello o 11 de marzo ás 10 da mañá e, a maiores, sortearanse catro domicilios como suplentes por se chegado o momento algún dos gañadores do concurso non pode ou non quere ir a Allariz.

O concurso para a veciñanza tamén terá unha versión dirixida á infancia e a mocidade do CPI de San Sadurniño. No seu caso deberán colocar os bonecos ao longo da Avenida Marqués de Figueroa, de modo que o centro urbano de San Sadurniño tamén se vista de Entroido.

O Concello levará a cabo un sorteo que premiará a tres aulas do centro de ensino cunha grande merenda e entradas de balde na piscina municipal, aínda que para facer valedoiro o agasallo deberán agardar a que remate o curso e veña tempo algo máis quente que o dos últimos días.

Entroido en Naraío o sábado 19
A Área de Cultura do Concello inicia a programación de 2022 levando actividades polas parroquias dentro do programa denominado “Algueiradas de inverno”. A primeira cita será o Entroido que se celebrará en Naraío o sábado 19 de febreiro, e as seguintes puxéronse para o 5 de marzo na igrexa de Santa Mariña, o 12 en Bardaos e o 2 de abril no local social da Seara, en Ferreira. En todas esas datas haberá obradoiros, música e outros espectáculos, ademais dun concurso distinto en cada unha delas.

A máis próxima, o Entroido en Naraío, comezará ás 17:00h cun obradoiro de disfraces feitos con bolsas do lixo e outros materiais reciclados, aberto á participación de rapazada e persoas adultas.

Ao seu remate haberá un desfile de máscaras -tamén para quen veña da casa co disfrace posto- no que se sortearán tres vales de 40€ para gastar en establecementos locais. Fai falla inscrición previa a través do 616 332 919.

A iso das 19:00h actuará a Escola Municipal de Pandeireta e tan pronto como remate o repaso do seu repertorio servirase un chocolate acompañado de biscoito e orellas.

No transcurso da tarde de carnaval anticipado tamén se propón  o concurso “A orella máis perfecta” pola súa feitura (non se valorará o sabor). Entregaranse dous premios, un outorgado por un xurado e outro polo público, consistentes en dúas cestas de produto de proximidade. Se o xurado e o público coincidisen no mesmo veredicto, a segunda cesta iría parar á seguinte orella exposta no local que obteña máis votos populares.

As seguintes actividades, en Santa Mariña e Bardaos
As “Algueiradas…” van continuar con citas en Santa Mariña do Monte, Bardaos e Ferreira, co obxectivo de ir recuperando a actividade pouco a pouco e dunha maneira o máis segura posible. Sobra dicir que todos os eventos previstos se adaptarán ás esixencias preventivas que haxa en cada momento.

O sábado 5 de marzo a partir das 17:00h, a Igrexa de Santa Mariña do Monte acollerá un pequeno recital da Escola Municipal de Cantos de Taberna, cun repertorio adaptado ao espazo. En principio hai marcado un aforo de 60 persoas e fará falla reserva no 616 332 919. O grupo avanza que, ademais das súas voces, o público tamén gozará dalgunhas sorpresas que de momento non queren desvelar.

Á semana seguinte, o sábado 12 de marzo tamén ás 17:00h, pecharemos o Entroido en Bardaos, cun programa que abrangue, en primeiro lugar, unha exhibición para a xente miúda e adulta dos malabares e demais artistadas de Circus Magníficus, seguida a iso das 18:00h da actuación da Escola Municipal de gaita na compaña do Obradoiro de baile tradicional posto en marcha polo Concello como complemento das escolas de música tradicional. A tarde -que leva trazas de se converter en foliada- completarase cunha merendada a base de chocolate, biscoito e freixós.

Cultura premiará en Bardaos o freixó máis grande do concello. A intención é que os freixós participantes se presenten no local ese mesmo día, pero se houbese un de tales dimensións que fose imposible transportalo, tamén se poderá enviar unha foto ao whatsapp 616 332 919 colocándolle un metro para testemuñar o seu diámetro. Hai que anotarse no concurso nese mesmo teléfono e a cociñeira ou cociñeiro que faga o freixó de maior tamaño levará como premio un xantar ou cea para catro persoas nun restaurante local.

Share.