Unha primavera e un inicio de verán atípicos ralentizan os traballos de limpeza na rede viaria

0

O ano pasado foi un ano de seca. Pero este 2018 leva trazas de converterse nun dos máis chuviosos desde que hai rexistros. Auga no inverno, auga na primavera e auga tamén no comezo do verán. Se ben non houbo grandes enchentes, o certo é que o tempo húmido fixo medrar moito a vexetación. Unha circunstancia que dificulta a roza das pistas municipais e que, ademais, provoca que a maleza retoñe moito máis rápido. Porén, o Concello prosegue co seu programa de limpeza iniciado xa hai semanas, que se reforzará a partir da semana que vén coa incorporación dun condutor de maquinaria contratado dentro do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.

Os tractores municipais estiveron nos últimos días en Ferreira de Arriba e hoxe mesmo está previsto que un deles cambie para a zona da Penela, Silvalonga e O Albeiro. Unha vez completada a limpeza desa zona cambiará para Santa Mariña xa coa axuda do segundo tractor tan pronto como finalice o traballo en Ferreira.

De momento a maquinaria municipal só está funcionando pola mañá. Porén, tan pronto como finalice o proceso de contratación aberto ao abeiro do PEL, o Concello disporá de tres traballadores máis en plantilla durante un período de 6 meses. Un deses postos é para guiar no camión e nos tractores municipais, de maneira que o departamento de Servizos poderá estender as rozas tamén á xornada da tarde.

Segundo comenta o alcalde, Secundino García, “o servizo de roza está traballando na mesma orde e case ao mesmo ritmo que todos os anos”. O “case” débese, segundo García, “a unha primavera e un comezo do verán con moita chuvia que fixo medrar a vexetación máis do que sería habitual”. Ademais, o rexedor lembra que este ano “producíronse retrasos” nas convocatorias de plans de emprego por parte da Xunta e da Deputación que se traduciron nunha demora na contratación de persoal de reforzo nas tarefas de roza.

Unha vez que os tractores municipais rematen en Santa Mariña -cara a finais de xullo- continuarán pola Portela, Piñeiros, Bardaos, Igrexafeita e a zona alta de Naraío. En paralelo, o Concello tamén botará man de maquinaria externa ata o 10 de agosto aproximadamente co obxectivo de limpar no Camiño Arriba e en lugares de Naraío como Vilarxá ou As Cancelas. A titular da área de Servizos, Amparo Calvo, confía en que se poida cumprir o calendario programado “salvo que haxa avarías graves” e lembra que, ao mesmo tempo que se fai a roza xeral, “tamén se atende ao longo do verán, como se fixo sempre, o adecentamento de zonas onde vai haber festas patronais e outras actividades coas que, ademais, tamén se incrementa considerablemente o tráfico nas pistas”.

Sobre o desenvolvemento dos traballos, Calvo sinala que os tractores van nalgúns puntos máis amodo do debido por causa da grande cantidade de vexetación que atopan en fincas particulares lindeiras coa vía pública. “Hai moitas leiras en estado de total abandono e iso cáusanos certo retraso nun calendario que, un ano con outro, sempre se vai cumprindo”.

Limpeza de fincas e distancias forestais
A este respecto, desde o Concello lémbrase a obriga que teñen as persoas titulares ou arrendatarias de terreos de mantelos limpos de maleza para previr a propagación de incendios. Esta obriga faise extensiva ao mantemento das distancias das masas e plantacións forestais con respecto a terreos de cultivo, ás vivendas, aos núcleos, ás pistas e a outras instalacións, como poden ser liñas eléctricas ou gasolineiras.

Para que todo o mundo teña coñecemento deste asunto, a Xunta de Galicia deulle difusión masiva a un cadro explicativo no que se resumen as distancias que hai que manter a cada tipo de elemento do territorio, tendo en conta o tipo de plantación.

Ademais, desde esta ligazón  pódese acceder Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e  nestoutra url  está dispoñible para descarga un pdf coas modificacións introducidas polo Goberno galego o pasado mes de decembro.

Share.