Unha das etapas do 53º Rallye de Ferrol despútase este sábado en pistas de Igrexafeita e Ferreira

0

O Rallye de Ferrol-Suzuki volverá pasar este venres 19 e sábado 20 de agosto por varias pistas da comarca. O programa prevé, un ano máis, o tramo desde Igrexafeita até As Somozas pasando por Ferreira que se disputará en dúas “pasadas” durante a mañá e primeiras horas da tarde do sábado. O tráfico estará cortado no trazado desde as 9:05h até as 16:50h, permitíndoselles ás persoas residentes entrar ou saír entre as 11:45 e as 13:45h., sempre e cando o fagan seguindo o sentido do tramo e comunicándoo con antelación no 687 698 433 ou no 676 857 909. En canto á seguridade débese ter en conta que os equipos tamén farán recoñecementos este xoves entre as 9:00 e as 22:00h., aínda que sempre cumprindo coa normativa de circulación -van controlados mediante GPS- e sen que sexa necesario interromper o tránsito de vehículos.

O paso por San Sadurniño encádrase na segunda xornada dunha proba puntuable para a Copa de España de Rallyes de Asfalto, ademais de selo para o FIA European Rally Trophy, para Copa Suzuki Swift, o Desafío Kumho Asfalto e para o Challenge Recalvi-Trofeo Michelin.  Aquí haberá dúas seccións, unha a primeira hora da mañá e outra a primeira hora da tarde, que en ambos casos comezarán na Penalonga, en Igrexafeita, desde onde os coches iniciarán un vertixinoso descenso pasando pola Fraga -Ferreira- e, unha vez no fondo do val, emprenderán a subida con rumbo a Cadavás.

Este ano non haberá “salto” sobre a estrada provincial, senón que os vehículos deberán xirar e continuar por ela  até o cruzamento da Santa (A Leiriña). Nese punto virarán á esquerda e encamiñaranse a Santiso e As Filgueiras seguindo un itinerario moi rápido e técnico en baixada.

Tras coller á dereita nas Filgueiras subirán de novo con rumbo ao XestalSan Cristovo e a Chabola, lugar predilecto para o público por estar alí  dúas das curvas máis espectaculares da cita: a que desemboca diante do bar Ferreira e, uns metros máis arriba, a que marca o desvío cara a Caínce e o Hedreiro e o descenso acusado até Amido,  lugar de Igrexafeita no que o rally abandonará territorio de San Sadurniño para entrar na súa segunda metade  xa en pistas das Somozas ata chegar a Recemel.

A circulación para o tráfico rodado cortarase en todo ese percorrido ás 9:05h. e non volverá abrir até o remate da segunda volta do rally, a iso das 16:50h. Porén, no intervalo entre pasadas -de 11:45 a 13:45h., aproximadamente- as persoas residentes que non teñan outra alternativa si poderán entrar ou saír en caso de necesidade (recoméndase non facelo) seguindo o sentido do tramo e comunicándollo á organización antes deste venres, algo que se deberá facer contactando co 687 698 433 ou co 676 857 909.

Recomendacións
Desde o Concello recoméndase seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público, que estarán debidamente sinalizadas. Lémbrase, ademais, que este xoves 18 está autorizado para que os equipos verifiquen o tramo. Poderán facelo durante toda a xornada, de 9 a 22:00h, respectando en todo caso a normativa de circulación e tendo a mesma precaución que calquera outro vehículo que transite pola zona.

Segundo explicaban esta mesma mañá fontes da organización, todos os coches que queiran facer o percorrido de verificación irán dotados cun dispositivo de localización GPS para garantir o cumprimento dos límites de velocidade e do propio regulamento da proba, onde se establece que en ningún caso poderán exceder os 30 Km/h cando pasen entre núcleos habitados.

Por outra banda, o Concello insiste en que o día do rally se extreme o coidado nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese, como pode ser a famosa curva de Ferreira. Outra petición que se fai é que non se deixe lixo tirado e que se teña presente que a práctica totalidade de lugares reservados para o público son leiras e montes privados.

Share.