Un minuto de silencio e bandeiras a media hasta en sinal de do polos atentados de Catalunya

0

Arredor dunha trintena de persoas participaron este mediodía no acto simbólico de rexeitamento do terrorismo e de apoio ás vítimas dos atentados de onte en Catalunya, que deixaron 14 persoas falecidas e máis dun cento feridas. Diante da Casa do Concello e coas tres bandeiras a media hasta gardouse  un minuto de silencio que finalizou cun longo aplauso, simbólico á súa vez da determinación da sociedade contra o medo.

O Concello xa lanzara unha mensaxe de pesar e solidariedade onte á noite a través das súas redes sociais, tan pronto como houbo información concreta e contrastada do ocorrido en Barcelona. “Confirmouse o peor. Vaia desde aquí a nosa solidariedade coas vítimas e as súas familias, a nosa solidariedade co pobo catalán e la nostra solidaritat amb Barcelona” foi o texto publicado en Facebook e Twitter, seguido esta mañá da convocatoria a través destas dúas plataformas da concentración silenciosa das 12.00h.

As bandeiras da fachada ondearán a media hasta até o luns

As bandeiras da fachada ondearán a media hasta até o luns

Á porta do consistorio reuníronse á hora sinalada unhas trinta persoas entre traballadoras e traballadores municipais, membros do goberno e da oposición e veciños e veciñas que quixeron condenar desta maneira os atentados de Barcelona e Cambrils, ademais de expresar o do polas 14 persoas mortas e máis dun cento de feridas.  Porén, o minuto de silencio tamén foi un acto de “rebeldía pacífica contra quen quere impoñer o medo, a lei do terror”, tal e como comentou ao remate do acto Secundino García.

Seguindo o posicionamento do municipalismo estatal e galego con respecto aos sucesos de onte, San Sadurniño tamén baixou ata a metade do mastro as bandeiras da fachada do consistorio. Permanecerán así durante tres días en sinal de loito oficial.

Share.