Un gran mural no Pavillón Municipal reivindica o Orgullo LGTBI a través da arte contemporánea

0

O acceso principal ao Pavillón Polideportivo Municipal de San Sadurniño está a transformarse estes días nun gran lenzo urbano coa creación dun mural de celebración do 28 de Xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI. A intervención artística, da que é autora Laura Bouza López, fundadora do laboratorio creativo Laudas Calamity, está convertendo este espazo nun símbolo visible da diversidade, da igualdade e da liberdade a través dunha reinterpretación contemporánea de iconas da Grecia Clásica. A obra, que estará rematada para este domingo tras máis dunha semana de traballo, busca facer da arte unha ferramenta de reflexión nunha data especialmente significativa para a defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

O mural combina referencias á arte clásica cunha linguaxe visual plenamente contemporánea. Tal e como explica a propia artista,  ao tratarse dunha parede tan visible, xusto á entrada do espazo deportivo, decidiu “volver á orixe das cousas”. Desa idea nace unha composición presidida pola Niké de Samotracia, escultura que simboliza a vitoria e que aquí aparece reinterpretada cunhas ás “moito máis grandes e cheas de cores”, incorporando tamén a bandeira do Orgullo como elemento central da proposta.

A elección da Vitoria de Samotracia non é casual. Segundo sinala Bouza, pretende representar “o triunfo da igualdade, dos corpos libres”, convertendo esta figura clásica nunha metáfora da conquista dos dereitos e da diversidade. Xunto a ela tamén aparecerá o Discóbolo, outra das esculturas máis recoñecibles da antigüidade, acompañado por elipses e circunferencias nas mesmas tonalidades da bandeira do Arco da vella. “Un pouco a temática vai por aí, por darlle unha volta contemporánea”, resume a creadora.

A intervención supón tamén un importante reto técnico. O mural, ao que se lle están dando os últimos retoques, execútase sobre unha parede de bloques cunha superficie moi irregular, unha circunstancia que condiciona o proceso creativo. “Había outras localizacións, pero esta ten a dificultade de que é bloque e é un desafío completo e absoluto”, comenta a artista. Acostumada a traballar con rapidez sobre lenzos máis puídos e previamente preparados, recoñece que neste caso o soporte “obrígame a ralentizar os tempos”, razón pola que tivo que dedicarlle máis dunha semana de traballo.

Laura Bouza López mantén unha estreita vinculación co mundo das artes plásticas desde a infancia. Medrou rodeada de creación artística e da tradición artesanal transmitida polo seu avó, mestre ebanista. Formouse en Xoiería Artística en Santiago de Compostela e posteriormente cursou Belas Artes en Bilbao, completando a súa preparación cun Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. É ademais fundadora de Laudas Calamity, un laboratorio creativo situado en Fene desde o que desenvolve proxectos de ilustración, pintura mural e experimentación artística.

Con esta actuación, o Concello de San Sadurniño súmase á conmemoración do 28 de Xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, unha xornada de reivindicación da igualdade de dereitos, da liberdade e do respecto á diversidade. O novo mural quedará como unha intervención artística permanente no acceso ao Pavillón Municipal, pero tamén como unha mensaxe de respecto pola diversidade, tan necesaria nos tempos que corren.

Share.