Un banco da diversidade non, senón 11

0

Pintar bancos das cores do arco da vella converteuse nos últimos anos nunha tendencia en moitos concellos co obxectivo de reivindicar a normalidade das relacións entre persoas do mesmo sexo, pero tamén maneiras de ser e sentir que non responden -nin teñen por que facelo- ao canon hetero marcado a lume na cultura tradicional.  Pouco a pouco esa normalización vai lográndose, malia quedar moito traballo educativo e concienciador por facer, e pintar un banco coas cores da liberdade non deixa de ser un exemplo. En San Sadurniño, o pintor e debuxante Arturo Domínguez iniciou hai varias semanas o labor de estampar a súa creatividade no mobiliario urbano. Non o fixo nun único banco, senón que traballou contra choiva e vento -aquí non hai marea- para levar a mensaxe cromática aos 11 asentos que hai distribuídos pola praza do antigo Concello. E ben bonitos que lle quedaron.

O recurso doado ante a encarga da Concellaría de Igualdade sería pintalos todos coas sete cores que simbolizan a loita LGTBQI+. Pero Arturo -quen xa pintara o ano pasado o mural do CPI- foi máis aló e empeñouse en vestir cada banco de maneira distinta sen prescindir da identidade da mensaxe.

Un co arco da vella, outro cun grande corazón multicor, outro con pinturas que semellan escorregar polo respaldo, algún con flores e mesmo un deles coa mensaxe #sansadecores que resume perfectamente o posicionamento dun Concello e dun territorio que respecta, que deixa vivir e que promove esa liberdade de ser e sentir que tanto se pide e que a sociedade aínda non dá aceptado de todo.

Tal e como comentaba o propio Domínguez hai uns días, a mensaxe dos bancos é a mesma en todos eles, pero a forma de expresala ten unha compoñente a maiores, dirixida “a pais, irmáns, amizades…” que son o primeiro círculo desa aceptación social.

De feito, os deseños son ao mesmo tempo unha chamada de atención e un agradecemento para todas aquelas persoas que ven sen sobresaltos nin prexuízos unha relación homo ou unha identidade de xénero distinta á do corpo, persoas que incluso brindan apoio e defenden en público un dereito recoñecido no Estatuto de autonomía e na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Esta acción artística e concienciadora desenvolvida pola área de Igualdade en colaboración con Arturo Domínguez -axudado polo seu compañeiro e por familiares e amizades- xurdiu como idea para celebrar o 28 de xuño, día da diversidade sexual. Ademais, o Concello de San Sadurniño tamén pendurou unha faixa do arco da vella nun dos seus laterais dentro da campaña “Balcóns pola diversidade”, aprobou unha declaración institucional (con foto incluída dos tres grupos municipais) e formou parte, un ano máis, do proxecto #seresentir promovido pola Deputación da Coruña.

Share.