Un 2024 cheo de bos propósitos lectores (que sempre son bos)

0

Deixar de fumar, facer algo de deporte, levar unha dieta equilibrada, aprender unha lingua… Son os típicos propósitos de ano novo que, moi ao noso pesar, poucas veces chegamos a cumprir a menos que alguén nos axude ou que o tomemos como un desafío. A eses propósitos de sempre, a Biblioteca Municipal de San Sadurniño engádelles o de devorar libros botándose a unha lectura pausada, profunda e reflexiva que nos faga esquecer tanto móbil, tanta televisión e tanto ruído como se oe ultimamente. Neste sentido, a axencia proponnos que nos unamos aos clubes de lectura para persoas adultas e rapazada, ademais de lanzarlle ao alumnado do CPI o reto de ler polo menos 15 libros até o mes de decembro.

A biblioteca municipal xuntou un grupo moi xeitoso de xente arredor do club de lectura de persoas adultas, do que xa forman parte 25 persoas que comparten tanto o seu amor pola lectura como a gana de socializar coa escusa dos libros, ademais de debater e expor distintos puntos de vista sobre o que se le en cada momento.

Porén, a axencia de lectura de San Sadurniño quere que o club siga medrando e por iso, aproveitando que o arranque do ano sempre é momento de bos propósitos, volve lanzar o convite para que se una máis xente. Abonda con contactar coa bibliotecaria enviándolle un correo a anaigamer@gmail.com ou unha mensaxe directa a través da páxina en Facebook “Lendo en San Sadurniño”. Tamén se pode pasar pola biblioteca de luns a venres en horario de tarde.

Ademais de seguir medrando en lectoras e lectores críticos, a biblioteca municipal tamén ten previsto saír do espazo da Casa da Cultura para achegarse tanto ao Centro de Día como á residencia Suacasa, co obxectivo de enganchar na lectura ás avoas e avós de ambos servizos. Un labor co que, segundo Anabel Gavín, tamén se pretende “que eles expresen a súa sabedoría e experiencia” conversando arredor dos libros ou parolando sobre contos e vivencias.

No mesmo sentido, a Biblioteca municipal de San Sadurniño tamén seguirá traballando coa comunidade escolar ao longo deste 2024. Unha das liñas de dinamización será a programación de distintos espectáculos a través de Ler Conta Moito, que vén sendo unha rede cultural da Xunta para as bibliotecas públicas cunha ampla oferta de música, escénicas e obradoiros.

Segundo Gavín, estes espectáculos combinaranse cun traballo diario no que se lle proporán á rapazada actividades “que mesturen lectura, imaxinación, escritura, creatividade e tecnoloxía para crear unha experiencia de aprendizaxe moito máis completa e enriquecedora”.

O cine, os audiolibros, os libros electrónicos, a banda deseñada e, por suposto, os libros en papel, serán as ferramentas principais dun proxecto que, ademais, tamén lles lanza ás nenas e nenos o reto de completar a lectura de 15 obras -as que queiran- de aquí ao mes de decembro. Todas aquelas rapazas e rapaces que o consigan entrarán no sorteo de varios agasallos.

Share.