Últimos días para visitar a exposición “20 anos de O bosque animado” na Casa do Concello

0

O encontro audiovisual Chanfaina Lab, que reuniu en San Sadurniño durante a primeira fin de semana de setembro a máis dunha vintena de cineastas para gravaren cadansúa peza sobre o territorio, tamén foi a escusa perfecta para inaugurar a exposición “20 anos de O bosque animado”, primeiro filme europeo de animación 3D e un auténtico fito tecnolóxico e cinematográfico para Galicia. O seu codirector e produtor, Manolo Gómez, acudiu á inauguración e fixo de guía excepcional pola exposición que reflicte a xestación e posterior vida da criatura estreada en 2001 pero cuxa andaina internacional comezou en 2002.

Ese ano, o filme baseado na obra homónima de Wenceslao Fernández Flórez foi a primeira película de animación desta banda do Atlántico preseleccionada para os premios Óscar e percorreu con grande éxito moitos países “cando o único que se vía naquel momento fóra de España era Almodóvar”.

Unha película “feita por rapaces da Coruña, fillos de traballadores que non tivemos ocasión de completar os nosos estudos universitarios porque nos metemos neste proxecto”, explica Manolo Gómez. De feito, para o produtor e creador da empresa Dygra -que atesoura dous Goyas por esta película e por “O soño dunha noite de San Xoán”, tamén de animación 3D- o grande valor desta obra pioneira reside, precisamente, en que “se fixese desde Galicia, tratando de Galicia e con personaxes que manteñen a súa esencia galega”.

Neste sentido, Gómez reivindica o noso potencial como país -“os galegos non somos menos que ninguén”, dixo- suxerindo que queda moito campo por explorar no ámbito cinematográfico “contando historias con identidade propia pero que sexan comprensibles fóra, como fixo Wenceslao Fernández Flórez no ano 47” e tamén noutras actividades punteiras, a pesar de que o talento e a iniciativa non sempre reciban o necesario apoio institucional e económico que si existe noutros países.

A exposición “20 anos de O bosque animado” está composta por varios paneis explicativos que percorren o proceso de pre-produción, produción e vida comercial do filme distribuído por Disney,  que recadou en taquilla máis de 18 millóns de euros en todo o mundo, vendeu milleiros de DVDs en distintas linguas e mesmo contou con merchandising. Ademais, na exposición tamén se poden ver algunhas figuras orixinais dos protagonistas -Furi, Linda, os Señores D’Abondo, etc.- utilizados como referencia para o posterior modelado 3D.

Mesmo se pode ver o Premio Goya que ganou Manolo Gómez por esta película, da que el foi produtor e codirector xunto con Ángel de la Cruz. A cantante Luz Casal e o compositor Pablo Guerrero levarían outro polo tema principal do filme.

A mostra, comisariada polo propio Gómez en colaboración coa área de Cultura da Deputación da Coruña, permanecerá en San Sadurniño ata o 30 de setembro. Pode visitarse na galería do concello nos horarios de atención ao público das oficinas municipais: de 8:30 a 14:30h de luns a venres.

Share.