Últimos días para solicitar as bolsas escolares e as axudas para conciliación na EIM

0

Este venres  9 de abril -incluído- acaba o prazo para presentar as solicitudes das bolsas escolares e tamén das axudas para gastos de conciliación na escola infantil municipal. A partida total ascende este ano a 40.000 euros, que se distribuirán do seguinte modo: 33.000 euros serán para axudas ao estudo, dos cales 16.000  se reservan para estudos obrigatorios, outros 16.000 para os postobrigatorios e, por primeira vez, 1.000 euros para o 2º ciclo de Educación Infantil. No caso das axudas para sufragar gastos dos servizos de conciliación da vida laboral e familiar prestados na Escola Infantil Municipal “A Rolada” durante o curso 2020-2021 establécese un crédito de contía máxima de 5.000 euros. Os 2.000 euros restantes serán para atender posibles casos de situacións socioeconómicas especiais, previo informe social. 

Para acollerse ás Bolsas escolares para 2º de Educación Infantil  fai falla que o neno ou nena estea matriculada no CPI de San Sadurniño ou noutro colexio dun concello limítrofe, sempre e cando estean empadroados en San Sadurniño no momento de solicitar a axuda. A renda familiar non pode superar os 9.000 euros e a bolsa será de ata 100 euros por alumna/o que cumpra os requisitos, tendo en conta que se dará máis puntuación (máximo 5 puntos) cantas máis persoas formen parte da unidade familiar.

As Bolsas escolares para estudos obrigatorios van dirixidas a alumnado que curse Primaria ou ESO en San Sadurniño ou nalgún municipio limítrofe. Tamén é necesario estar empadroado/a en San Sadurniño e, ademais, percibir as axuda establecida na orde do 12 de maio de 2020 da Consellaría de Educación, referida ao fondo solidario para libros ou á adquisición de material escolar. Calquera destas dúas condicións acreditarase mediante un certificado expedido pola dirección do centro. Neste caso a axuda é de 200 euros e nas bases non se marcan requisitos de renda, xa que son os mesmos que dán dereito ao fondo solidario de libros da Xunta e ás axudas autonómicas para a compra de material escolar.

A terceira liña é a relativa a Bolsas escolares para estudos postobrigatorios, das que poderán beneficiarse os alumnos e alumnas que cursen bacharelatos, ciclos formativos, estudos universitarios oficiais de grao e de terceiro ciclo en centros públicos fóra de San Sadurniño pero dentro do territorio de Galicia. Para acceder á bolsa será necesario estar empadroado/a, ter matrícula no curso completo -agás estudos universitarios, onde o mínimo será o 50% dos créditos- e o umbral da renda anual da unidade familiar non deberá superar os 18.000 euros. A concesión valorará dúas cuestións: nivel de renda e cualificacións, é dicir, máis puntos cantos menos recursos económicos e tamén canto mellor sexa o expediente académico. A bolsa poderá chegar até os 800€ por solicitude.

Por último, a convocatoria municipal tamén regula as Axudas para gastos por servizos de conciliación na EIM “A Rolada”. máximo que se poderán percibir son 1.500 euros e serán requisitos imprescindibles, entre outros, que as nais, pais, titores legais ou familias acolledoras estean empadroadas en San Sadurniño, que a renda anual da unidade familiar no supere os 25.000 euros e que non sexan beneficiarias da gratuidade do servizo por segundo fillo/a. A cantidade concedida non poderá superar o 50% dos gastos anuais efectivamente realizados e xustificados -puntuarase segundo as tarifas soportadas-, que deberán corresponderse co curso 2020-2021 da EIM “A Rolada”.

As bases e a convocatoria saíron publicadas no BOP deste 10 de marzo, e con posterioridade tamén se apobou unha corrección de erros que precisa aínda máis as condicións de percepción das bolsas para estudos obrigatorios. Esta modificación non ten repercusións nin nas contías nin no prazo de solicitude, que finaliza este venres 9 de abril.   O trámite pode facerse presencialmente no Rexistro Municipal ou presentando a documentación requirida como unha solicitude xenérica a través da Sede Electrónica.

Documentación descargable:
Bases da convocatoria (pdf)
Corrección de erros (publicada no BOP do 31/03/2021)
ANEXO I (.odt) e (.doc)
ANEXO II (.odt) e (.doc)
ANEXO III (.odt) e (.doc)

Share.