Últimos días para achegar fotos á exposición sobre as nosas festas tradicionais

0

A Concellaría de Cultura volve aproveitar a escusa do Día Mundial da Fotografía para continuar recuperando instantáneas antigas. Este ano tócalle as fotografías das festas e romarías de antano -ou ás actuais- coas que se abrirá unha exposición na galería municipal o próximo 19 de agosto. Trátase dunha nova edición de “Pegadas dun pasado”, unha actividade colaborativa aberta a maiores de 7 anos con empadroamento en San Sadurniño na que se pode participar en dous apartados: foto antiga en branco e negro ou foto actual en cor, que han de estar tomadas obrigatoriamente no noso concello para poder entrar na mostra e optar a varios agasallos.

“Pegadas dun pasado” comezou en 2020 como proposta cultural alternativa para os tempos de pandemia nos que aínda estamos, malia termos agora total liberdade para xuntarnos e movernos. Aquel ano a iniciativa arrancou comparando o antes e o agora de distintos recunchos do concello, co obxectivo de mostrarnos como cambiou o noso municipio co paso dos anos.

O ano pasado, na segunda edición, a convocatoria  chamou pola participación veciñal para reunir o maior número posible de imaxes referidas ás escolas. A elas engadíronselles varias instantáneas do Grupo Escolar construído a principios dos anos 60 captadas polo fotoxornalista coruñés Alberto Martí e, de feito, o día da inauguración estivo en San Sadurniño Xosé Castro “Pepucho”, un dos seus discípulos no afamado estudo Foto Blanco da Coruña,  e protagonista canda ao seu mentor dunha mostra clausurada días antes na galería do Concello.

O día da inauguración da colección fotográfica das escolas converteuse nun encontro de alumnado daqueles anos para comentar as imaxes e, sobre todo, as vivencias infantís nun modelo de ensino que xa empezaba a dar sinais de cambio na última etapa do franquismo.

Este ano Cultura quere facer algo parecido, pero orientando o tema cara ás festas patronais, das que aínda quedan ducias de fotos gardadas en álbums e caixóns. O que se pide é que se busquen fotos en branco e negro que reflictan a celebración daquelas romarías que, nalgúns casos, aínda perviven. Tamén se poden achegar imaxes recentes en cor desas ou doutras celebracións.

As fotos hai que entregalas na Casa da Cultura antes do 1 de agosto imprimidas en formato DIN A4 e acompañadas dunha descrición onde figure a data da imaxe, o lugar e a parroquia. Entre todas as imaxes aceptadas no apartado de branco e negro sortearase unha táblet e dous vales de 50€ para gastar en establecementos locais. No apartado de cor sortearase unha impresora e outros dous vales de 50€.

“Debullando Cores” en Ferreira
Desde o departamento de Cultura recordan, por outra banda, que segue aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro “Debullando cores”, que convida á rapazada a decorar o local social de Ferreira entre o luns e o venres da semana que vén (1 e ao 5 de agosto) ofrecendo de novo 8 prazas repartidas en dúas quendas, unha de 10:30 a 11:30h e outra de 11:30 a 12:30h.

As prazas cubriranse por orde de inscrición e, unha vez anotada, non fai falla que a rapazada leve nada, agás roupa que se poida manchar, gorra, botellín de auga e protección solar botada. O demais -material para os bocetos, pinturas acrílicas, brochas, pinceis, cinta de papel, etc.- pono o Concello, co ánimo de que as nenas e nenos só teñan que preocuparse de aprender, compartir unha experiencia distinta e desfrutar do obradoiro.

Cómpre anotarse ata este venres como moi tarde en agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919.

Share.