Última xeorruta da temporada

0

Este domingo 19 finaliza o calendario de percorridos xeolóxicos do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Nos últimos tres meses os municipios promotores ofreceron máis de 80 oportunidades de descubrir a paisaxe e as excepcionais formacións rochosas que existen neste territorio. En San Sadurniño o itinerario é a denominada Xeorruta das Pías, que permite observar as curiosidades rochosas do bloque granítico do Forgoselo e da falla onde se encaixa o río Castro. A última destas visitas -repetimos, este domingo- desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00h. É gratuíta e fai falla inscrición previa a través deste formulario en liña: t.ly/7Upi

A ruta comezará ás 10:00h. no castelo de Naraío e, posteriormente, baixará a Riolimpo. Logo regresarase ao punto de partida e será necesario coller o coche para subir até Racamonde, lugar onde finalizará o paseo percorrendo a pista do parque eólico, salpicada a un lado e outro por distintas formacións graníticas.

Na primeira metade da mañá veranse as distintas fases da formación dos bolos graníticos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se verá claramente nas penas de Racamonde na segunda parte do traxecto.

A andaina é de dificultade media-baixa, apta para calquera idade e moi indicada para facela na compaña de rapazada polo seu contido didáctico. De guiala encargarase Francisco Canosa, quen ademais ofrece unha visión das orixes xeolóxicas da zona en relación con outros puntos do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. A inscrición, gratuíta, debe facerse a través de este formulario. Hai un límite de 20 prazas.

Share.