Última semana para presentar propostas ao Orzamento Participativo

0

Desde finais do pasado mes de outubro permanece aberto o período de recepción de propostas para o proceso do Orzamento Participativo, co obxectivo de que a veciñanza formule proxectos, ideas ou suxestións susceptibles de ser executadas polo Concello durante o próximo exercicio ou de entrar formar parte dunha bolsa de iniciativas que poderían levarse a cabo en anos sucesivos. O Concello introduciu este ano un novo sistema de participación pensado para multiplicar as vías de achegar as propostas e para axilizar o seu posterior debate. Neste sentido, as ideas -mellor canto máis concretas e, se se pode, cunha aproximación ao seu custe- hai que presentalas o próximo venres 18 de novembro como moi tarde. Hai tres opcións: por escrito a través do Rexistro municipal, de maneira telemática por medio da Sede Electrónica ou ben cubrindo un formulario en Google Drive que leva varios días activado. 

O Orzamento Participativo 2023 está aberto ás achegas que formulen todas aquelas persoas empadroadas en San Sadurniño maiores de 16 anos, así como aquelas entidades radicadas no municipio. Todo o proceso desenvólvese tendo en conta dúas datas moi concretas:

  •  O venres 18 de novembro como último día de recollida de  todas aquelas iniciativas e investimentos que a veciñanza queira propoñer aos orzamentos municipais do vindeiro 2023. As propostas poderán presentarse en formato papel no Rexistro municipal cubrindo o formulario que se enviou  ás casas como encarte do Boletín Novas, dispoñible tamén para descarga en formato .doc.odt e .pdf (editable e imprimible desde o navegador). Outra das vías para presentar as propostas é rexistrándoas pola Sede Electrónica -usando os modelos facilitados- ou por medio deste cuestionario publicado en Google Drive. Todas as achegas serán recollidas, ordenadas e avaliadas inicialmente polos servizos municipais. É obrigatorio cubrir os datos da persoa ou entidade propoñente.
  • E o venres 25 de novembro, día no que terá lugar na Casa da Cultura (19:00h) a asemblea xeral aberta para expor as propostas presentadas e debater sobre a súa viabilidade  e o nivel de prioridade que deberían ter nos orzamentos municipais.

Por último, as propostas seleccionadas pola asemblea veciñal serán ordenadas e sistematizadas de acordo coa capacidade económica do Concello, que nestes momentos está deseñando o Orzamento municipal do ano que vén. Aquelas que sexan asumibles poderán ser incluídas no documento orzamentario, mentres que o resto quedarán nunha bolsa de ideas á espera de novas fontes de financiamento.

Share.