A partir de agora non imos saber a que atender. E é que a chegada do verán, que entrará o domingo, marca o inicio da temporada de festas e comelladas varias… e o desexo de estar en todas. Porén, por saúde propia e dos nosos petos, hai que elixir. E para elixir, temos que saber o que aí nos vén. Neste sentido, dúas das citas trouleiras máis inmediatas van ser o xantar a favor do Biscordel que terá lugar en Igrexafeita este sábado 20 de xuño -hoxe é o último día para reservar- e tamén a celebración, o sábado 27, do San Paio en Fereira de Abaixo, onde volven mesturar a festa patronal coa boa mesa. Alén destes eventos próximos, no Google Calendar municipal, alimentado coa información que nos envían entidades e comisións para que lles deamos difusión, figuran para o arranque de xullo o XXXI Festival do Río Castro e unha churrascada na Portela, dos que falaremos cando lles toque.
Seguindo a orde das datas toca falar, en primeiro lugar, do xantar deste sábado a favor do Biscordel. Un encontro aberto á veciñanza e quen queira achegarse a Igrexafeita pasalo ben que comezará ás 14:00h cunha pequena sesión vermú animada por Nuria Boreal. O menú empezará a servirse a iso das 15:00h e inclúe polbo, churrasco mixto con crioulos, sobremesa, bebida, café e un licor, todo servido polo restaurante O Paso de Candamil.
Hoxe (mércores 17) é o último día para mercar os tíckets na parrillada María Queira, no Bar Ferreira, no Bar O Palacio (San Sadurniño) e no Bar O Campo (Naraío), aínda que se a alguén se lle acorda a comellada mañá ou pasado, pode contactar directamente coa comisión por se houbese algún oco. O prezo do prato é de 37 € para persoas adultas, 15 € para crianzas entre 7 e 12 anos, e de balde para menores de 7.
Ao rematar o xantar, a celebración continuará cun espazo de xogos inchables para a rapazada e máis música. O evento organízao a Comisión de Festas do Biscordel, coa colaboración da AVV Adiante e de varios establecementos da zona. Haberá carpa.
Por outra banda, Ferreira de Abaixo estreará o sábado 27 de xuño o calendario patronal do verán en San Sadurniño coa tradicional celebración do San Paio (ou San Pelaio). A cita incluirá misa, sesión vermú animada por Antha, xantar popular, actividades infantís pola tarde e unha gran verbena á noite na que o grupo musical estará acompañado polo Dúo Dilema.
A comida inclúe un menú completo con paella, codillos con patacas, sobremesa, bebidas e tamén opción infantil. Pola noite tamén se servirán petiscos. O prezo son 35€ as persoas adultas, 15€ de 9 a 14 anos e de balde ata 8 anos. Para anotarse é necesario chamar cos teléfonos 696 880 044 ou 616 652 002.
As entidades e comisións de festas que queiran difundir os seus eventos a través dos medios de comunicación municipais -boletín Novas, Facebook, Instagram, X, canle de Whatsapp, Google Calendar, etc.- deben enviar a información a correo@sansadurnino.gal ou a concellodesansadurnino@gmail.com, ou ben facela chegar como mensaxe directa en Facebook. É importante mandar os datos básicos: o nome da actividade, a data e horarios, o prezo -se o hai- e calquera outra información de interese.