Tic, tac, tic, tac… o reloxo corre, van pasando os días e cada vez quedan menos para participar en “Engalana o teu concello”

0

Estamos a piques de entrar nas datas do Nadal e faltan pouco máis de dúas semanas para que finalice o prazo de participación no certame municipal “Engalana o teu concello”, que premiará aquelas vivendas, espazos e establecementos comerciais que luzan máis vistosos durante as próximas festas. O 20 de decembro é o último día para mandar as fotos das decoracións festivas ao whatsapp 616 332 919 ou ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Recordade incluir os datos de contacto e a localización da composición, e tamén que polo menos unha desas imaxes debe estar tomada desde a vía pública.

Pódese coller material de reciclaxe, elementos naturais -plantas, pólas, flores secas ou de temporada, etc.-, apeiros ou utensilios, e cos elementos elixidos deberase decorar o exterior da casa de maneira artesanal. Canto máis bonita, rechamante e elegante quede, mellor. Excepcionalmente poderase complementar a composición con luces, aínda que estas non deben ser o único elemento xa que, ademais da reciclaxe e a reutilización, o Concello tamén se quere promover un consumo enerxético responsable.

É moi importante adobiar o lado da casa que dea á rúa ou a pista que teñamos máis preto -ou que a se decore toda- para que a obra poida vela desde fóra calquera persoa que pase por alí. É máis, este requisito será imprescindible para poder optar a algún dos 25 premios que se van outorgar nas seguintes categorías, abertas á participación de persoas de calquera idade:

Individual: para veciñas ou veciños a título individual, que poderán levar algunha das 15 cestas de produtos da terra que hai como premio.

Colectiva: para varias persoas (mínimo 2 e máximo 5) que decidan facer unha decoración conxunta das súas vivendas ou de espazos públicos que teñan preto, como por exemplo adros, rueiros, parques ou áreas recreativas… Concederanse 5 premios consistentes en ceas ou xantares para 5 persoas nos restaurantes e casas de comidas locais.

Establecementos: na que poderán entrar todos os negocios de San Sadurniño -tendas, bares, restaurantes, comercios, talleres, granxas, etc.-, sexa cal sexa a súa actividade. Haberá tamén 5 premios en forma de cestas con produtos da terra.

O xurado do certame “Engalana o teu Concello” estará formado por tres persoas relacionadas co sector da decoración, quen poderán visitar os conxuntos que consideren necesarios para faceren a súa valoración.  O seu veredicto darase a coñecer o día 30 de decembro e a entrega dos premios, de ser posible, celebrarase na Casa do Concello o sábado 9 de xaneiro ás 12.00h.

Outras propostas para o Nadal
Este ano o Concello tamén decorará distintos espazos do centro urbano con iluminación que favoreza un ambiente de Nadal. Prevese que as luces queden prendidas na noite do 11 de decembro.  Ademais, a área de Desenvolvmento local colaborará cunha iniciativa de promoción do consumo nos comercios, na hostalaría e nos servizos locais impulsada polos propios negocios.

Pola súa banda, a Concellaría de Cultura tamén ten levará o Apalpador polas casas da rapazada de ata 11 anos de idade -os días 26 e 27, se vai bo tempo- e programou un circuito itinerante dos Reis Magos para o domingo 3 de xaneiro con parada no exterior dos locais sociais das sete parroquias, co obxectivo de que ningunha nena ou neno perda a oportunidade de entregarlles en man a súa carta. Pero de todo isto iremos falando nos próximos días.

Share.