Rapazada do CEIP A Gándara achegouse hai uns días a San Sadurniño para participar no programa de interpretación ambiental Terra de Vida. O proxecto promovido polo Concello en colaboración da cooperativa Rexenerando pon a disposición dos centros de ensino e das familias unha maneira distinta de descubrir o paseo fluvial, a zona da Cortiña e os xardíns municipais, aprendendo ao mesmo tempo sobre sostenibilidade e consumo responsable. O alumnado de 1º de Educación Primaria do colexio naronés participou nun percorrido guiado que incluiu, ademais, obradoiros para explorar a través dos cinco sentidos a riqueza ambiental e agroecolóxica da ribeira do Xubia. Calquera grupo ou familia que queira gozar desta experiencia, debe saber que pode concertar visitas tamén durante os meses de verán chamando ao 604 033 515.
O Concello de San Sadurniño puxo en marcha Terra de vida en 2023 como fórmula divulgativa dos espazos verdes máis próximos á zona urbana, co obxectivo de dar a coñecer e dinamizar o Arboreto de especies autóctonas, a Horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, o Apiario didáctico, a Fraga Máxica e tamén os xardíns e máis o pazo da Marquesa.
Con esa finalidade editáronse materiais sobre os itinerarios e ofértanse percorridos guiados e obradoiros didácticos que poden solicitar tanto grupos organizados e familias como centros de ensino. Este último caso foi o do CEIP A Gándara, quen trouxo desde Narón 38 nenas e nenos de 1º para participar nunha actividade de educación ambiental e consumo responsable
Segundo Paola Bermúdez, unha das integrantes de Rexenerando, a rapazada e o profesorado “exploraron a través dos cinco sentidos os espazos verdes de San Sadurniño e incluso imaxinar a Natividad Quindós paseando polo seu pazo, ademais de coñecer as lendas asociadas ao cauce do Xubia e abraiarse coa cantidade de maciñeiras que recuperou a xente de AGFA Eume”.
O itinerario incluiu tamén a degustación de distintos tipos de mel e o descubrimento das sete formacións boscosas representadas no arboreto de especies autóctonas da Cortiña. Porén, un dos momentos en que as nenas e nenos mellor o pasaron foi durante o tempo libre para brincar na Fraga Máxica, un dos principais atractivos para público familiar das zonas verdes da ribeira do Xubia.
Terra de Vida non pecha durante o verán e, de feito, desde as áreas de Desenvolvemento local, Participación e Axenda 2030 convidan ás familias e grupos a participar no proxecto nestas vacacións, algo que poden facer contactando coa cooperativa que xestiona as visitas a través do correo info@rexenerando.com ou do teléfono 604 033 515.