Tarde de máscaras infantís, música e orellas en Naraío

0

O Concello levou hoxe a Naraío a primeira das “Algueiradas de inverno”, o programa de descentralización da Cultura que se prolongará ata o mes de abril. Polas datas nas que estamos o tema central do evento non podía ser outro que o Entroido -máis ben carnaval-, celebrado no local social da Veiga cun obradoiro de disfraces para a rapazada, coa música das pandeireteiras -e o pandeireteiro- da escola municipal e coa degustación dun chocolate acompañado de orellas e biscoito.

Durante a tarde a rapazada preparou os seus traxes de pantallas e peliqueiros decorando as máscaras con cadanseu motivo, ao tempo que aprenderon coas monitoras de La GuaGua algunhas cousas sobre os distintos entroidos que existen en Galicia. Todos os nenos e nenas participaron despois nun desfile no que mostraron as súas creacións, ademais de entraren no sorteo de tres vales para gastar en establecementos locais.

Tamén houbo premio para as orellas con mellor feitura. Levouno a veciña de Naraío Margarita Paz por unha bandexa cargada de orellas crocantes que mesmo levaban posto un pendente de caramelo e chocolate. Como agasallo recibiu unha cesta de produto de proximidade e un vale canxeable na peixaría Mariña.

A festa rematou coa actuación das Cantareiras do Saíme -grupo da escola municipal de pandeireta- que lle puxeron o ramo á tarde interpretando varias pezas tradicionais e incluso o éxito “Terra” das Tanxugueiras, ás que tamén emularon vestindo de negro.

Antes de marchar, todas as persoas asistentes deron boa conta das orellas premiadas e das servidas por Mary López e Manolo Couce, acompañadas de biscoito e dun chocolate certamente saboroso.

Outra “Algueirada” en quince días
A próxima proposta das “Algueiradas de inverno” está fixada no calendario para o sábado 5 de marzo na igrexa parroquial de Santa Mariña -17:00h-coa actuación do grupo de Cantos de Taberna. Fai falla anotarse no 616 332 919.

O cabo do Entroido terá lugar no local social de Bardaos o sábado 12 á mesma hora, coa actuación de Circus Magníficus e da Escola de Gaitas. Ese día tamén se organiza un concurso á procura do freixó máis grande do concello, que levará como premio un xantar ou cea para catro persoas nun restaurante local. A última das “Algueiradas de inverno” será o 2 de abril en Ferreira dándolle a benvida á primavera co espectáculo “De rechupete” e a música de Encrucillada.

Desde Cultura lémbrase, por último, que este luns remata o prazo para presentar as fotos dos espantallos e bonecos entroideiros que queiran entrar no sorteo dunha viaxe colectiva a Allariz no mes de maio. Na iniciativa tamén participará o alumnado do CPI deixando as súas “Entroidadas” ao longo da avenida Marqués de Figueroa. O premio no seu caso será unha merendada e unha tarde de balde na piscina tan pronto como chegue o verán.

Share.