Suspéndense os permisos de queima ata novo aviso

0

Semella que o bo tempo nos vai acompañar aínda varios días. Estamos tendo temperaturas case de verán nas horas centrais do día e iso fai que aumente o risco de incendios forestais. Por ese motivo a Consellería do Medio Rural acaba de anunciar que desde hoxe e ata novo aviso quedan prohibidas as queimas agrícolas e forestais. Iso significa que non se van conceder novos permisos ata que cambien as condicións, pero tamén significa a suspensión das comunicacións e autorizacións que xa se deran.

O goberno autonómico tomou a decisión  tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.

As queimas de restos agrícolas e forestais quedan, polo tanto, prohibidas en Galicia a partir de hoxe e ata novo aviso, tendo en conta as condicións actuais de vento e as previsións para os vindeiros días. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecen de validez desde o momento da prohibición.

Desde a Consellería do Medio Rural pídese a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde hoxe non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.

 

 

Share.