O Concello de San Sadurniño súmase, un ano máis, á iniciativa mundial da ‘Hora do Planeta’ promovida por WWF. Este serán entre as 20:30 e as 21:30h apagaranse todas as luces públicas do centro urbano e incluso outros tendidos, como o da estrada de Pedroso, o da AC-862 ou o dos xardíns municipais. Con este xesto, o concello reafirma o seu compromiso coa loita contra o cambio climático e coa sostenibilidade ambiental, nun momento crítico para a Terra. Segundo WWF, o 2024 foi o ano máis cálido desde a Revolución Industrial, superando en 1,5º a temperatura media do planeta. Ademais, no actual contexto político mundial aínda hai outro dato quizais máis perigoso: o avance do negacionismo climático que pon en perigo os avances en materia ecolóxica.
A Hora do Planeta, que naceu en 2007 en Sydney, converteuse nun movemento global no que millóns de persoas, empresas e gobernos apagan as luces durante unha hora para sensibilizar sobre a urxencia da crise climática.
“O ano 2024 foi o máis cálido desde a Revolución Industrial, superando en máis de 1,5 ºC a temperatura media do planeta”, advertiu WWF, citando datos do Servizo de Cambio Climático Copernicus. Esta cifra supera o límite marcado no Acordo de París, un limiar crítico que, segundo a organización ambientalista, “non debemos traspasar se queremos evitar impactos irreversibles”.
Ao longo do ano, sufríronse fenómenos extremos con consecuencias devastadoras. “A dana que azoutou o Levante español tivo efectos catastróficos”, lembrou WWF. Ademais, en España houbo secas en varias zonas -que aínda hoxe non se superaron a pesar do que leva chovido- “unha pertinaz seca en varias rexións”, mentres que noutros países producíronse “terribles incendios forestais” e outros fenómenos extremos, como foi o caso dos lumes de Bolivia e na cidade de Los Ángeles, en California, así como as recentes inundacións no centro de Europa.
Para WWF, os efectos do cambio climático “estanse convertendo nunha emerxencia social” e a resposta global segue sendo insuficiente. “Os cumes climáticos non logran avances significativos, seguimos dependendo dos combustibles fósiles e o negacionismo climático vai en aumento”, denunciou a organización.
Nun contexto onde os discursos que minimizan ou negan o impacto do cambio climático están a multiplicarse, iniciativas como ‘A Hora do Planeta’ serven para lembrar a importancia de basear as decisións en datos científicos e na responsabilidade colectiva.
O Concello de San Sadurniño participará nesta acción simbólica apagando a iluminación nos seguintes espazos públicos: os Xardíns do Pazo da Marquesa, a Avenida Marqués de Figueroa, O Enxerto, Agra de Arriba, Agra de Abaixo, Os Currás, AC-112 ata Vilafiunce, AC-862 en Cornide-O Outeiro e a Estrada de Ferreira. O alcalde, Secundino García Casal, destacou a importancia de xestos coma este para concienciármonos sobre a necesidade de reducir o consumo enerxético e protexer o medio ambiente. “Como Concello levamos varios anos formando parte desta acción global e convidamos a toda a veciñanza a sumarse apagando as luces das súas casas durante esa hora”, sinalou.
A Hora do Planeta celebrarase hoxe sábado entre as 20:30 e as 21:30h. Desde o Concello anímase a toda a poboación a participar deste acto simbólico, que non só axuda a visibilizar o problema do cambio climático, senón que tamén promove hábitos máis sostibles no día a día. “A loita contra a crise climática é responsabilidade de todas e todos, e accións como esta serven para lembrar que aínda estamos a tempo de marcar a diferenza”, remarcou o alcalde.