SOGAMA publica unha ferramenta en liña para saber onde se deposita cada tipo de lixo

0

Azul para o papel, amarelo para os envases, gris para o xenérico, iglú verde para o vidro…todas e todos temos máis ou menos claro para que son dos colectores que hai repartidos polo territorio. Así e todo, moitas veces seguimos tendo dúbidas sobre que cousas hai que botar en cada un deles ou usámolos de maneira inadecuada simplemente por descoñecemento. En calquera dos dous casos, non facer ben a separación do lixo en cadanseu colector dificulta o seu tratamento posterior e tamén a reciclaxe. Para facilitarnos as cousas, SOGAMA acaba de publicar unha ferramenta en liña na que podemos buscar calquera tipo de refugallos e saber ao momento en que colector se deben depositar. O seu nome -o mellor posible- é ” Onde vai?” e pode accederse desde esta ligazón.

Onde vai? é unha web moi sinxela na que podemos entrar desde ordenador ou desde o móbil. É tan, pero que tan sinxela, que só ten na portada esa pregunta e un buscador para que introduzamos o tipo de resíduo co que teñamos dúbidas.

Podemos poñer o que queiramos: zapato, botella, xoguete, pasta de dentes, louza, etc., xa que a web respostará automaticamente a que colector vai cada refugallo. É máis, se a pregunta é moi xenérica, a consulta devolveranos varias opcións para que elixamos exactamente o tipo de residuo.

Por exemplo, se poñemos simplemente “bandexa”, o buscador mostraranos ata sete opcións para escoller se se trata dunha bandexa de aluminio, se é unha bandexa de cortiza branca -como as de poliexpán do peixe-, ou se se trata dunha bandexa de cartón desas nas que veñen os pasteis ou as empanadas. Incluso nos dá máis posibilidades para precisar a busca, engadindo a opción de “Potas, tixolas e outros recipientes” por se fose unha bandexa metálica.

Ademais de sinalar o colector correcto, a resposta tamén nos apunta detalles importantes que cómpre ter en conta, como que ás bandexas de cartón -ou unha caixa de pizza- hai que quitarlles antes os restos de alimentos ou que as botellas e envases de vidro hai que botalos no colector sen as tapas e os precintos. Por outra banda, o sitio é de grande axuda para saber que restos teñen que agardar polo servizo municipal de recollida de voluminos ou levarse ao Punto Limpo, que en San Sadurniño está conveniado con Narón.

SOGAMA envioulle ao Concello hai uns días a comunicación da posta en marcha desta nova ferramenta, coa que se pretende mellorar o sistema de recollida, reducir impropios nos colectores e favorecer unha correcta reciclaxe. “Co móbil na man podemos saber ao momento en que colector vai cada tipo de residuo. Agora non temos escusa posible para non facer ben as cousas”, comenta Secundino García. O alcalde de San Sadurniño convida á veciñanza a “ter sempre á man e usar Onde vai?” e engade que empregar ben os colectores “axiliza e abarata o servizo de recollida”.

Porén, o rexedor insiste en que o máis importante segue sendo “reducir e reutilizar no posible”, como maneira máis efectiva de rebaixar a nosa pegada de carbono “e tender a un mundo máis sostible”.

Share.