A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural publicou o pasado 30 de abril a resolución pola que se abre un novo prazo para solicitar as axudas Leader, co obxectivo de apoiar proxectos que impulsen o desenvolvemento rural. Unhas axudas xestionadas na nosa zona polo GDR Seitura 22 ás que poderán acollerse tanto persoas autónomas e empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro. A convocatoria financiará iniciativas que fomenten a creación de emprego, a diversificación económica, a igualdade e a sostibilidade ambiental, con porcentaxes que chegan ata o 50% ou 90% segundo o tipo de proxecto. O prazo estará aberto ata o 30 de maio de 2025, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia publicado o 30 de abril. Seitura 22 xestionará este ano un total de 458.915,82 euros. A entidade explicará o contido da convocatoria nunha charla que terá lugar este xoves 8 de maio a partir da 18:30h no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Moeche (ao final da recta de Abade) e, ademais, tamén ofrece asesoramento e resolución de dúbidas a través do teléfono 981 33 33 98 e do correo info@seitura22.gal.
Esta nova convocatoria encadrada no Leader diríxese a proxectos produtivos e non produtivos. Os primeiros están orientados a persoas emprendedoras e empresas que queiran crear ou ampliar unha actividade económica no medio rural, mentres que os segundos poden ser promovidos por concellos ou asociacións, na liña de mellorar a calidade de vida ou os servizos no territorio.
As axudas poderán cubrir ata o 50% do investimento subvencionable nos proxectos produtivos, e ata o 90% nos non produtivos promovidos por entidades públicas ou sen ánimo de lucro.
A Asociación Seitura 22 será a encargada de xestionar estas axudas na zona de Ferrol, Eume, Ortegal, Miño e Vilarmaior, de acordo co plan estratéxico que se definiu por medio da análise socioeconómica do territorio, apoiada ademais nun proceso de participación social. Segundo o plan, os criterios de valoración priorizarán aspectos como a xeración ou mantemento de emprego, a viabilidade económica, o compromiso ambiental, a innovación e a igualdade de oportunidades. Tamén se terá en conta o grao de cooperación entre entidades e o impacto social e territorial das iniciativas.
Para dar a coñecer os detalles da convocatoria, a asociación está organizando encontros informativos en distintos puntos da comarca. O que nos cae máis preto terá lugar este xoves 8 de maio ás 18:30h no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade (Moeche) explicarase o procedemento de solicitude, os requisitos, os criterios de avaliación e os prazos de solicitude, de execución e de xustificación das actuacións.
Cómpre non deixar pasar esta oportunidade, xa que Seitura 22 xestionará cerca de 460.000 euros este ano e unha cifra similar o ano que vén. Ademais tamén se debe bulir a preparar as solicitudes, habida conta de que o prazo para presentalas remata o 30 de maio. Desde a entidade recoméndase acudir ás reunións informativas para ter clara a convocatoria e poder iniciar os trámites canto antes e, en calquera caso, antes de que finalice o prazo.
Ademais das sesións informativas, Seitura 22 ofrece acompañamento individualizado durante todo o proceso. Para recibir información ou solicitar apoio técnico, pódese contactar co persoal da asociación no teléfono 981 33 33 98 ou no correo electrónico info@seitura22.gal.