Seguinte parada do “Á xunta da noite”, Naraío

0

O venres reiniciouse o programa cultural itinerante “Á xunta da noite”, que levará música, humor e maxia por distintos puntos do territorio durante este mes de agosto. A primeira parada desta rolda interrompida a mediados do verán pasado produciuse en Santa Mariña do Monte perante un público que aguantou ben o fresco a base dos abraiantes números do mago Dani García, as ocorrencias da parella regueifeira chegada de Bergantiños e a música tradicional da Escola Municipal de Gaita. Esta última formación repasará de novo o seu repertorio o venres a partir das 20.00h en Naraío, na compaña das Mozas das voltas, do Mago Teto e da Escola Municipal de Pandeireta (as Pandereteiras do Saíme). Se non hai cambios nos próximos días por causa do tempo a cita terá lugar na Bóla -no campo do festival do Río Castro-, con posibilidade de trasladala baixo carpa á polideportiva da Veiga se viñese un día de auga. Hai cen localidades dispoñibles, que deben reservarse no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Naraío -ao igual que Santa Mariña, Silvalonga, Ferreira e San Sadurniño- foi un dos lugares quedou sen xuntarse á noitiña por causa da repunta da pandemia que obrigou ao Concello a suspender a programación a mediados de agosto do ano pasado. Neste 2021 Cultura recupéraa onde a deixara e, tralo exitoso encontro de hai tres días en Moimentos, o venres que vén a música e a maxia recalan no espazo do Festival do Río Castro.

O cartel do serán estará presidido pola música tradicional que nos traerán As Mozas das voltas -quinteto de voces- e máis as escolas municipais de gaita e pandeireta, quen nos últimos meses foron preparando como puideron un listado de pezas no que xuntan algunhas ensaiadas en anos anteriores con outras de nova incorporación ao seu repertorio. Á festa sumarase tamén o Mago Teto, toda unha estrela da prestidixitación galega e un auténtico showman que sempre vén cunha maleta cargada de humor irreverente e risas garantidas.

A orde das actuacións aínda non está pechada, pero desde Cultura comentan que o máis seguro é que empecen as pandereteiras, logo tocaralle ao Mago Teto, en terceiro lugar actuarán as Mozas das voltas e pecharán, igual que en Santa Mariña, a gaiteira e mailos gaiteiros da escola municipal.

Tampouco está pechado ao cento por cento o lugar, posto que se chovese habería que mover o encontro para a pista polideportiva da Veiga, cuberta para a ocasión cunha carpa. Iso si, se ao final o Á xunta da noite queda ao pé do río recoméndase levar roupa abrigosa que axude a aguantar sen problema o resío.

Por razóns preventivas só se ofrecen 100 localidades, todas co público sentado e coa obriga de levar máscara. Hai que solicitalas no 616 332 919 ou mandando unha mensaxe a agustin.perez@sansadurnino.gal. Nesas mesmas vías de contacto tamén se poden facer reservas para os seguintes venres do Á xunta da noite: o 13 en Silvalonga, o 20 en Ferreira de abaixo e o 27 na área recreativa de Corrás, en San Sadurniño.

Ademais de humor e boa música, no evento tamén haberá un sitio para mercar un café, uns “gusanitos” e outras consumicións. Incluso se poderán petiscar uns liscos con pan e bebida por un prezo moi axustado.

Share.