O envío das notificacións responde ao procedemento establecido pola normativa autonómica para garantir a limpeza das chamadas faixas secundarias de protección arredor dos núcleos rurais. Segundo establece a lei de prevención de incendios forestais, nestas zonas debe manterse controlada a maleza e retirarse as especies forestais consideradas de maior risco, como eucaliptos, piñeiros ou acacias, nunha franxa de ata 50 metros arredor das vivendas e dos núcleos de poboación.
Nas inspeccións realizadas pola Xunta detectáronse parcelas nas que non se cumpren estas obrigas. Por ese motivo, SEAGA acaba de cursar 1.900 notificacións dirixidas ás persoas responsables —titulares, arrendatarias ou usufrutuarias dos terreos— para que executen os traballos de limpeza e xestión da biomasa dentro do prazo establecido de 15 días naturais trala recepción da carta.
Se transcorrido ese prazo non se realizan os traballos, a Administración poderá adoptar distintas medidas previstas pola normativa. Entre elas figuran a imposición de multas coercitivas periódicas, que poden repetirse cada tres meses, ou a execución subsidiaria, é dicir, que a administración realice os traballos necesarios e repercuta posteriormente o custo ás persoas responsables da parcela.
A notificación indícalle á persoa responsable que ten 15 días naturais desde a súa recepción para
executar voluntariamente os traballos de xestión da biomasa e, de ser necesario, retirar as
especies arbóreas prohibidas. Ademais, debe comunicarlle ao Concello o inicio e o remate desas
tarefas, xa que se non se fai esa comunicación a Administración poderá considerar que os
traballos non se fixeron.
Oficina de información para resolver dúbidas
Co fin de facilitar o cumprimento da normativa e evitar posibles erros ou confusións, o Concello habilitará durante as próximas dúas semanas un punto de atención específico para as persoas que reciban a notificación. A oficina estará atendida por persoal dunha empresa especializada contratada para este fin, co obxectivo de ofrecer información e asesoramento sen sobrecargar o funcionamento habitual das dependencias municipais. Entre outras cuestións, poderán resolverse situacións como:
- persoas ás que lles chega a carta pero non son as propietarias actuais da parcela,
- titulares que xa realizaron os traballos e queren comunicalo,
- dúbidas sobre o alcance das obrigas de limpeza,
- ou dificultades para atopar quen realice os traballos forestais necesarios.
O servizo funcionará do 27 de abril ao 8 de maio, en horario de mañá e tarde: de 10:00 a 13:00 horas e de 16:30 a 18:00h de luns a venres -agás o 1 de maio, que é festivo- no despacho situado ao pé do salón de plenos da Casa do Concello (cruzando o patio interior).
Inspeccións realizadas por SEAGA
Estas actuacións forman parte do sistema de control establecido no convenio subscrito pola Xunta de Galicia, a FEGAMP e os concellos para reforzar a prevención de incendios forestais. No marco dese acordo, a empresa pública SEAGA encárgase das labores de inspección das parcelas incluídas nas faixas de protección e, no caso de persistir o incumprimento, tamén pode executar de maneira subsidiaria os traballos de limpeza, repercutíndolle despois o seu custe ás persoas titulares.
A limpeza é obrigatoria cada ano antes do 31 de maio
O Concello lembra que as obrigas de xestión da biomasa non se limitan unicamente ao perímetro dos núcleos rurais. A normativa tamén establece que deben manterse limpos os arredores das vivendas e parcelas agrícolas, as marxes de pistas e camiños, e as zonas próximas a equipamentos e infraestruturas.En todos os casos, estes traballos preventivos deben realizarse cada ano antes do 31 de maio (e non só a raíz das notificacións), co obxectivo de reducir o risco de incendios forestais e mellorar a protección das persoas, das vivendas e doutra sinfraestruturas.
