A correcta separación do lixo e a aposta do Concello pola compostaxe doméstica para o tratamento dos residuos orgánicos son dous dos temas principais das asembleas veciñais que se están desenvolvendo estes días polas parroquias. Reducir, reutilizar e reciclar, os coñecidos como “3R”, son os tres grandes consellos que se dan desde hai anos para rebaixar o volume de lixo que vai parar aos colectores. Pouco a pouco mellórase, pero tamén hai algún apartado que foi a peor, posiblemente polo incremento do consumo que adoita acompañar os tempos de bonanza. E a roupa é, quizais, o que máis se merca, o que antes deixa de usarse e, en consecuencia, o que antes se tira. Neste sentido, o Goberno local está informando nas reunións de que en San Sadurniño se detectou un incremento de téxtil nos contedores xenéricos, algo que penaliza a factura final do tratamento por tratarse de restos impropios. A maneira de evitalo é ben doada. Se temos roupa usada que estea en bo estado podemos probar a vendela nalgunha plataforma, aínda que hai tres opcións moito máis interesantes: doarlla a quen poida necesitala da nosa contorna, entregala nalgunha tenda solidaria (en Narón e Ferrol hai varias) ou depositala nalgún dos colectores de INS3RTEGA (ou os de Cáritas) que hai repartidos por distintos puntos do noso concello.
INS3RTEGA, é unha empresa social integrada maioritariamente por persoas con discapacidade que, en colaboración co Concello, instalou en agosto do ano pasado catro colectores metálicos de recollida de prendas de vestir e roupa do fogar. Catro depósitos que viñeron complementar o colocado por Cáritas ao pé da igrexa de San Sadurniño.
Os depósitos, dunha cor verde rechamante e identificables polo lema “Contigo, San Sadurniño recicla”, están nos seguintes lugares:
- San Sadurniño (aparcadoiro da escola infantil)
- Naraío (aparcadoiro da cooperativa)
- Igrexafeita (local social da Torre)
- Camiño Arriba (na explanada de Lácteos O Casal)
Neles poden botarse pantalóns, camisas, camisetas, abrigos, calcetíns, zapatos, zapatillas, “tenis”, etc., e téxtil do fogar, como sabas, mantas, manteis, panos… que sempre deben ir en bolsas pechadas para optimizar o espazo e facilitar o baleirado.
INS3RTEGA ocúpase de recoller as prendas regularmente e do seu tratamento posterior, seleccionando e separando aquelas que estean en perfectas condicións para poder reutilizarse tras un esixente proceso de limpeza e preparación previa. Roupa toda ela que se clasifica e que se pon a disposición de entidades sociais e roupeiros xestionados polos Servizos Sociais municipais.
As pezas que polo seu estado xa non poidan volver reutilizarse -arredor do 50% do que se bota nos depósitos, segundo a empresa- destínanse á reciclaxe convertidas en materiais e fibras con múltiples usos posteriores, como novos tecidos, fíos en bruto, recheos, bolsas e packaging, artigos de agasallo ou téxtil do fogar. INS3RTEGA incluso conta cunha liña de deseño de uniformes para empresas feitos a partir de fibras recicladas e tamén proporciona materia prima para fabricar mobiliario con compostos téxtiles.
No caso de que, puntualmente, os colectores estean ao límite da súa capacidade, pode dárselle aviso á empresa no 634 594 877 (ou tamén a través da app/web municipal Liña Verde). A ese teléfono tamén se pode chamar para recollidas domiciliarias de grandes cantidades de prendas de vestir e roupa do fogar, como por exemplo as motivadas por mudanzas -cando sempre se desbotan moitas pezas- ou pola necesidade de baleirar casas que cambian de mans e que cómpre librar.