Se che falla a tele, contacta con llega700 no 900 833 999

0

Telefónica, Vodafone e Orange seguen despregando redes 5G para ofrecer servizos de alta velocidade, ao tempo que amplían en certas zonas a dispoñibilidade de acceso ao 4G. A activación de novos repetidores pode provocar interferencias na recepción da TDT, como por exemplo que se conxele a imaxe, que se desfaga en cadradiños ou incluso que deixemos de ver dun día para outro unha ou máis canles. Se se dá esa situación só teremos que chamar ao 900 833 999 ou enviar un correo a ayuda@llega700.es para que nos solucionen o problema totalmente gratis nun prazo máximo de tres días laborables. 

llega700.es envioulle ao Concello esta mesma semana o aviso da próxima activación de nodos de telefonía de última xeración  na nosa zona, co obxectivo de que advirta á veciñanza sobre a posibilidade de que o acendido produza interferencias na recepción de televisión dixital terrestre (quen a teña por fibra óptica, enrutador móbil, canles de pagamento por internet ou satélite non ten de que preocuparse).

No caso hipotético de que se dean os problemas de recepción -o acendido non ten por que causalos…ou si- o que se debe facer é instalar un filtro especial, habitualmente á saída da antena, e antes do repartidor que manda o sinal ás distintas estancias da casa. É un aparello moi barato -anda entre os 10 e os 15€- e calquera con coñecementos mínimos podería instalalo sen maior complicación usando un desparafusador e unhas tesouras para pelar o cable.

Porén, para evitarnos este follón e o gasto que conleva está llega700, a empresa creada polas operadoras de telefonía con rede móbil propia -Telefónica, Vodafone e Orange- para solucionarlle de balde á poboación as interferencias provocadas pola posta en marcha de redes móbiles 5G e 4G.

Llega700 habilitou o teléfono gratuíto 900 833 999 para recoller os avisos de interferencias naquelas zonas afectadas por activacións de nodos, como é o caso de San Sadurniño e doutros concellos que poden consultarse neste mapa.

A liña 900 atende de luns a sábado -agás festivos estatais- en horario ininterrompido de 09:00 a 22:00h e, unha vez feita a chamada, a empresa asegura que no prazo de 3 días laborables enviará un ou unha profesional que traerá o filtro e nolo instalará totalmente gratis. 

Para ampliar información sobre esta cuestión pódese entrar na súa web, onde tamén hai dispoñible un formulario de contacto por se preferimos mandar aviso por este medio e que sexa llega700 quen nos chame por teléfono. O servizo gratuíto de reparación das interferencias manterase durante os seis meses seguintes á activación do nodo que as provoque.

 

Share.