Saúde mental Ferrol, Eume e Ortegal expón ata o 15 de xuño na Casa do Concello

0

30 cadros de distintos estilos e técnicas compoñen a mostra que desde esta semana se pode visitar na galería da Casa do Concello. Trátase dunha colección pictórica que chega a San Sadurniño da man da asociación Saúde mental Ferrol, Eume e Ortegal, nacida en 1995 para prestar atención especializada a persoas con este tipo de doenzas e ofrecerlle apoio ás súas familias. A exposición permanecerá no primeiro andar do pazo até o próximo 15 de xuño. Está aberta de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30h. nun espazo que o Concello prevé mellorar con cargo a unha axuda da Dirección Xeral de Administración local. Son 17.000 euros que, ademais, tamén servirán para construír unha oficina para Secretaría e substituír as portas interiores do pazo.

Os cadros da mostra montada por Saúde mental Ferrol, Eume e Ortegal son resultado da expresión artística das persoas que acoden aos obradoiros da entidade, pero tamén unha importante ferramenta terapéutica relacionada coa súa estimulación cognitiva, coa rehabilitación psicosocial, a integración no entorno e o benestar.

Bodegóns, paisaxes, mariñas e retratos compoñen un mosaico de tamaños diversos e cores vivas a través do que se canalizan inquedanzas e visións de moitos recunchos da comarca, ámbito de actuación dunha asociación que ten a súa sede en Narón e que naceu en 1995 como AFAES “Porta Nova” para promover o benestar das persoas con problemas de saúde mental.

A entidade conta na actualidade con dous centros de rehabilitación psicosocial en Narón e Cerdido, un centro ocupacional en Narón e tres pisos protexidos. Equipamentos e profesionais que abranguen 20 municipios e arredor de 140 persoas atendidas, co obxectivo de avanzar na súa recuperación psicosocial e laboral e ofrecerlles apoio ás familias.

A exposición que se pode visitar estes días na Casa do Concello é, ademais, unha chamada de atención sobre a saúde mental que, segundo a entidade, “segue sendo unha gran descoñecida” para a sociedade. “Coñecer e entender o que son os problemas de saúde mental é o primeiro paso para avanzar cara a unha sociedade máis xenerosa coa diferenza, libre de tópicos e alonxada do estigma e dos prexuízos”, indica a web da asociación.

Melloras na galería
A galería municipal converteuse desde o cambio da sede do Concello en 2014 nun espazo que xa leva acollido unha chea de exposicións, maiormente fotográficas e pictóricas. Habitualmente botan entre 15 días e un mes, polo que o habitual é que a galería se renove varias veces ao longo do ano. Un movemento que, por máis que se tente evitar, deixa pegada nas paredes. A rehabilitación do pazo como Concello non contaba con que se producise ese desgaste, que xa obrigou a repasar a pintura en alomenos unha ocasión. E agora xa lle vai tocando de novo.

Porén, o Concello ten previsto darlle unha solución definitiva ao problema dos desconchóns accidentais forrando as paredes cun material máis resistente e doado de limpar. Para iso destinarase unha parte da axuda de 17.000 euros concedida recentemente pola Dirección Xeral de Administración local para investimentos en instalacións municipais. A subvención utilizarase tamén para outras melloras na Casa Consistorial, entre elas o cambio das portas interiores, o acondicionamento dunha oficina para Secretaría na ala norte do edificio, o tabicado do pequeno espazo de almacenaxe que rodea os aseos e, por último, o amarre das contraventás exteriores para que queden abertas permanentemente.

Share.