Santa Mariña abriu este martes a rolda de xuntanzas para recoller demandas veciñais

0

O Goberno local iniciou no serán deste martes o calendario de reunións polas parroquias para falar de distintas cuestións de interese municipal, ademais de recoller propostas das veciños e veciños coas que mellorar o territorio. A primeira asemblea tivo lugar no local social de Santa Mariña do Monte coa asistencia dunha quincena de persoas. A xestión e a nova ordenanza do lixo -aprobada inicialmente no pleno do xoves pasado-, as sacas de madeira e as faixas de protección e as melloras no local social foron algúns dos temas tratados nun encontro distendido que, segundo a concelleira de Participación veciñal, Raquel Piñeiro, tamén tivo a finalidade de “tomarlle o pulso ao concello e á percepción que ten a xente sobre a xestión municipal”. As asembleas, que rematarán o día 19, continúan hoxe en Bardaos e Mañá en Naraío. Todas son ás 19:30h.

En representación do Executivo local, á reunión acudiron o alcalde, Secundino García, a titular de Participación veciñal e Axenda 2030, Raquel Piñeiro, e o concelleiro de Obras e Servizos, Manolo Beceiro, quen explicaron na primeira parte do encontro o contido da nova ordenanza da recollida do lixo. Un texto aprobado a semana pasada no que xa se contempla a suba da taxa decretada pola Xunta para compensar as perdas de SOGAMA, empresa pública participada pola propia Xunta e a eléctrica Naturgy.

Tal e como se explicou na reunión, o incremento do prezo que SOGAMA lle cobra ao Concello -cuantificado nun 30%, que o consistorio non trasladará aos recibos na súa totalidade- obriga a multiplicar os esforzos en canto a unha correcta separación e a evitar que os restos orgánicos vaian parar á bolsa do lixo. De feito, a ordenanza contempla unha redución do 10% naqueles domicilios que opten pola autocompostaxe. Esta modalidade de xestión dos restos orgánicos “non deixa de ser o que fixemos no rural toda a vida, botándolle as lavaduras e restos de alimentos aos porcos e as galiñas e botando na terra ou no esterco mondas e outros restos que non aproveitan os animais. As persoas que acudiron á xuntanza en Santa Mariña coincidiron todas en que a compostaxe caseira é unha boa maneira de eliminar a fracción orgánica da bolsa do lixo, e tamén comentaron que nin sequera fai falla un composteiro, senón que pode seguir facéndose como toda a vida”, argumenta Raquel Piñeiro.

Ademais de falar da recollida e das taxas do lixo, o encontro tamén se centrou na concienciación sobre unha correcta xestión dos voluminosos -que o Concello recolle de balde na porta da casa só con chamar ao 981 490 027- e na necesidade de buscar unha solución para os plásticos e outros refugallos agrícolas.

Forestal e faixas de protección
Unha constante en todas as xuntanzas veciñais que se teñen celebrado até hoxe é o forestal, ou máis ben dúas cuestións relacionadas co forestal: os desperfectos que se producen en pistas e camiños por mor da corta e extracción da madeira e o incumprimento das distancias obrigatorias que deben gardar os montes e plantacións con respecto ás casas, ademais da obriga de que as faixas de protección estean limpas todos os anos antes do 31 de maio.

“É un tema moi complexo de solucionar, xa que o Concello non ten persoal abondo para vixilar o cumprimento da normativa e ademais está a dificultade legal para facer limpezas subsidiarias cando en moitos casos falamos de terras abandonadas ou semiabandonadas que son dunha chea de herdeiros”, explica Secundino García.

O alcalde apelou na xuntanza á “responsabilidade individual” con respecto á limpeza dos montes e as faixas de protección, pero tamén no tocante á conservación das pistas cando se corta e saca madeira. “Os maderistas teñen que responsabilizarse de que as pistas queden ben, pero as persoas que cortan madeira tamén llelo deben esixir. Aínda que o forestal é un sector estratéxico para a nosa economía, non pode ser que os danos ocasionados por uns poucos os teña que asumir o Concello, que ao final somos todos”.

No referido a esta cuestión, entre a veciñanza de Santa Mariña expresouse a necesidade “dunha maior implicación e concienciación veciñal” e avogou polo asociacionismo forestal como fórmula para mellorar a produtividade e rendibilidade dos montes, garantido ao mesmo tempo a conservación en bo estado da rede viaria municipal. Tamén se solicitou que o Concello organice unha charla para explicar a normativa de prevención de incendios e, nomeadamente, as distancias limpas e libres de plantacións que se deben gardar arredor de vivendas, núcleos e equipamentos.

Melloras no local da Golpilleira
Canda os temas de interese para todo o territorio municipal, en Santa Mariña tamén se comentaron melloras específicas da parroquia, plantexadas polo movemento veciñal.

Neste sentido, os representantes do Goberno local comprometéronse a efectuar “con carácter urxente” obras para que os aseos do local social da Golpilleira sexan accesibles con cadeira de rodas.

Ademais tamén acordaron coas persoas participantes na reunión “buscar a maneira máis axeitada” para unir o local social novo -inaugurado en 1998- co antigo edificio escolar anexo, ou ben propor algunha alternativa de redistribución que permita adaptar o espazo dispoñible ás actuais demandas sociais “condicionadas pola idade avanzada das persoas usuarias, que requiren superficies diáfanas e accesibles”.

Trala primeira asemblea veciñal celebrada en Santa Mariña, este mércores tócalle a Bardaos e mañá xoves a Naraío. O martes que vén será a quenda de Ferreira, o mércores a de Igrexafeita e o venres -o xoves non haberá- a de Lamas. Os dous últimos encontros serán o 18 en San Sadurniño -Casa da Xuventude- e o 19 no Camiño Arriba.

Share.