San Sadurniño volve optar ás Flores de Honra do certame Vilas en Flor

0

O programa “Vilas en Flor”, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 45.000 habitantes, chega este ano á súa cuarta edición con cinco novos concellos participantes confirmados, aínda que a organización continúa o traballo de captación de novos candidatos. Na anterior edición participaron 26 concellos, entre eles San Sadurniño que logrou unha das Flores de Honra que se conceden sobre un máximo de cinco. Na comarca, ademais do noso municipio, repiten Fene, Narón, Ortigueira, Pontedeume.  Para manter o distintivo obtido o ano pasado e, se cadra, subir a cualificación, o Concello porá en valor o traballo de mantemento nos arredores do Xubia, nos xardíns municipais e tamén novas actuacións desenvolvidas recentemente, como por exemplo a remodelación do parterre da Casa da Cultura, a colocación de árbores ornamentais diante da EIM A Rolada ou a posta en marcha da área de autocaravanas da Cortiña.

Tal e como explica a Fundación Juana de Vega -promotora en Galicia do programa- “Vilas en Flor” busca recoñecer “a posta en valor da riqueza natural e paisaxística dos municipios galegos”, na liña da mellora ambiental vinculada cun  “deseño e xestión sustentable dos espazos verdes” que en certa maneira incremente a calidade de vida da veciñanza “e favoreza a imaxe dos municipios de cara a visitantes e turistas”. Ademais, esta iniciativa tamén persegue “a xeración de espazos de formación, reflexión e debate entorno á xestión sostible, a promoción dos espazos verdes como lugares para as relacións sociais interxeracionais e a mellora da conciencia cara ás políticas de sostibilidade ambiental dos espazos verdes urbanos”.

As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo o criterio dun xurado especializado formado por persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos  “para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna”.

Na pasada edición, o xurado distinguiu aos concellos de Chantada e Allariz con catro flores de honra; a Caldas de Reis, Lalín, Salvaterra do Miño e Tomiño con tres; a A Guarda, Baiona, Cambados, O Carballiño, Culleredo, Cuntis, Fene, Gondomar, Narón, Mondoñedo, Salceda de Caselas, Ponteceso, Pontedeume, Sada e Sarria, con dous; e Betanzos, Guitiriz, Ortigueira, San Sadurniño e Tui foron recoñecidos cunha flor de honra.

A partir do outono un xurado realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá cales son merecentes dalgunha distinción, podendo acadar cada un deles un máximo de cinco flores. Alén das accións puntuais, o “Vilas en Flor” deste ano seguramente lle dea maior importancia ao labor desenvolvido para ampliar e manter zonas de lecer ao aire libre, despois de que nos últimos meses, a raíz da pandemia, se acentuase a estreita relación entre a dispoñibilidade de espazos verdes e calidade de vida.

San Sadurniño volverá facer valer o seu carácter rural e a aposta pola conservación dos lugares de uso público, como por exemplo os sendeiros, as áreas recreativas e o entorno do paseo fluvial do Xubia, incluído o arboreto de especies autóctonas da Cortiña e a horta de conservación de froiteiras, ás que agora se lles engade a área de autocaravanas construída nesa zona. Ademais tamén argumentará perante o xurado o adecentamento da parte dianteira da Casa da Cultura, a ampliación do arborado nos arredores da Casa do Concello e o desenvolvemento do programa “San Sadurniño en flor”, no que este ano se inscribiron preto de 90 persoas.

Share.